Fonógrafo de Edison
Pechar

Fonógrafo de Edison

Consta dun cilindro que se fai xirar cun movemento uniforme, ao mesmo tempo que vai adiantando cada un dos lados. O cilindro leva unha capa de cera. Diante do cilindro mantense fixa unha embocadura que ten, no fondo, unha delgada lámina metálica e, debaixo dela, un punzón que toca lixeiramente a cera. O fonógrafo dispón dunha grande bocina que permite a ampliación dos sons reproducidos. O instrumento leva unha placa que relaciona as patentes de todas as modificacións que Edison fixo ao seu modelo orixinal, e que van desde maio de 1888 ata maio de 1898.Na parte dianteira leva unha pequena placa co texto “José Bretón / Coruña”, e na superior outra co seu número de serie: “S34392”

Modelo sensiblemente mellorado do fonógrafo inventado por Edison en 1877, capaz de rexistrar sons e reproducilos. É un claro exemplo da función dos gabinetes dos institutos na divulgación dos adiantos científicos e técnicos nunha época de descubrimentos e desenvolvemento industrial. Bibl.: SISTO EDREIRA, R. (1999), O patrimonio histórico-científico do Instituto Xelmírez I (Santiago de Compostela), A Coruña: Deputación Provincial da Coruña, 40.

Dimensións:
61x31x43 cms 
Material/soporte:
Madeira, metal, cera. 
Contexto cultural:
c.a.1899 (data de compra) 
Autoría:
Thomas Alva Edison