“Cuadro de pesas y medidas del sistema métrico decimal”
Pechar

“Cuadro de pesas y medidas del sistema métrico decimal”

Impresión tipográfica realizada en varias cores sobre papel. Ten na parte inferior e na superior unha barra de madeira vernizada de escuro que serven para enrola-la lámina mentras non está exposta. A barra superior é de sección cadrangular e a inferior circular. Representa mediante debuxos e nomes explicativos as medidas de superficie, volume, capacidade, medidas de capacidade para áridos, para líquidos, medidas especiais para aceite, pesas de ferro, pesas de latón, básculas romanas, de pratillo, de man, de papel, de columna, termómetro, metro, un pisón, un estuche de pesas e un mapa mundi. Na parte inferior aparece tamén unha serie de moedas de prata, de bronce e de ouro.

En 1849 instáurase por lei a adopción do Sistema Métrico Decimal en España. A partir de 1852 imporase como obrigatorio o ensino do sistema legal de pesas e medidas nas escolas de ensino primario, sendo así o mellor medio para a súa difusión. A lei Moyano de 1857 incluía entre as asignaturas da Primeira Ensinanza Elemental a de “Principios de Aritmética”, na que se integraba o sistema legal de medidas, pesas e moedas, consagrando así o disposto en 1852. Compréndese, así, o esforzo educativo realizado nestas primeiras etapas e, xa que logo, a posterior profusión e xeneralización de publicacións e materiais de apoio para presentalo dun xeito didáctico. Bibl.: Museo Pedagóxico de Galicia (2013), A pedagoxía intuitiva. As láminas educativas, Santiago: Consellería de Cultura, Educación e O.U., Xunta de Galicia, 12.

Dimensións:
124,5x168 cms. 
Material/soporte:
Cromolitografía 
Contexto cultural:
1931 ca. Barcelona. 
Autoría:
Faustino Paluzíe, editor // Salvador Sala, litógrafo