“Abecedario mayúsculo”
Pechar

“Abecedario mayúsculo”

Lámina realizada en papel pegado sobre unha tea de algodón de trama moi aberta. A lámina vai fixada na parte superior a un listón de madeira que leva, na parte posterior, un anaco de corda que serve para colgala. Na parte inferior o papel introdúcese na ranura dun cilindro de madeira que serve para enrolala cando non está colgada. Nos bordos laterais vai rematada con cinta de algodón de cor branca. No anverso leva impresas en cor negro as letras do abecedario en maiúsculas, incluindo o CH e o LL e excluíndo o W. Na parte superior vai o título: "ABECEDARIO MAYÚSCULO".

Desde o século XVIII consérvanse testemuños do emprego de carteis coas letras do abecedario pendurados nas paredes das escolas, para o ensino das primeiras letras. Este recurso facilitaba a labor dos mestres, que desenvolvían unha práctica educativa fundamentalmente memorística. Unha vez que o alumnado o dominaba, procedíase á lectura de catóns, do catecismo, de obras piadosas ou doutro tipo de lecturas que poidesen estar ao dispor da escola. Bibl.: Museo Pedagóxico de Galicia (2013), A pedagoxía intuitiva. As láminas educativas, Santiago: Consellería de Cultura, Educación e O.U., Xunta de Galicia, 14.

Dimensións:
60x45 cms. 
Material/soporte:
Papel e tintas de impresión mecánica 
Contexto cultural:
Barcelona, 1º terzo do século XX 
Autoría:
Imprenta Elzeviriana e Librería Camí.