Lanterna de proxección
Pechar

Lanterna de proxección

Corpo ou caixa de latón, paralelepípedo, de base rectangular, cunha porta lateral e sete buratos na parte inferior de cada parede lateral. Este corpo remata na parte superior noutro máis pequeno, a modo de cheminea, rematado con tres placas de latón que protexen a saída para a ventilación. Deste corpo sae por diante un tubo de aceiro con lentes de cristal, que constitúe o obxectivo do aparello. Entre eles hai un soporte con ranura polos dous lados para introducir as placas que se queren proxectar.

As lanternas foron instrumentos moi precisos para realizar todo tipo de experiencias sobre as propiedades da uz e as leis fundamentais da óptica, que estiveron presentes en todos os gabinetes polo seu valor didáctico. Usa unha lámpada de alcol como fonte luminosa e ten unha saída de gases a modo de cheminea. As experiencias que se adoitaban realizar con este tipo de trebellos era moi variada: marcha dos raios luminosos, fenómenos de reflexión e refracción, dobre refracción, polarización, interferencias, difracción, efectos das lentes, fenómenos espectrais, etc.

Dimensións:
34x50x14 cms. 
Material/soporte:
Latón. Aceiro. Cristal 
Contexto cultural:
2ª metade século XIX 
Autoría:
L'Ecolier / E. Mazo (París)