Museos de Galicia

Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC)

Mércores do 16 de novembro de 2016 ao 31 de maio de 2017, de 19 a 20:30 h Os ollos non queren pecharse. Persistencias e resistencias da mirada na historia do cinema

Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC)

A historia da humanidade é tamén a historia da mirada. Da luz das estrelas ás sombras das cavernas, o ser humano tratou sempre de ver máis aló, de transcender a súa realidade cotiá. E coa súa insaciable pulsión escópica, coa súa resistencia a pechar os ollos, naceron tamén a ilusión, o soño e a fantasía: o desexo, en definitiva. O cinema chegou moito despois, como prolongación natural dese desexo.

Este curso exponse como unha pequena e parcial historia da mirada a través de películas e cineastas que se resisten a pechar os ollos, que se rebelan e nos revelan novas maneiras de ver e de dar a ver, ampliando así o noso imaxinario. De Alfred Hitchcock a Werner Herzog; de Andrei Tarkovski a Terrence Malick; da melodrama dos anos corenta ao thriller do setenta; de Jean Vigo, Jean Epstein e Jean Cocteau ao cinema experimental do sesenta; de Yasujiro Ozu a John Ford, de Jacques Rivette a Chantal Akerman, de M. Night Shyamalan a Kiyoshi Kurosawa ou de Dziga Vértov a Luis Buñuel, que seccionou a mirada inocente do público coa mítica imaxe da navalla cortando un ollo.

Esas miradas afiadas, abertas en canle, son as que buscaremos neste curso; miradas que, en ocasións, foron paradoxalmente veladas ou esquecidas pola historiografía oficial e ás que trataremos de dar luz. Porque como dicía Jean-Luc Godard nas súas Histoire(s) du cinéma, “o cinematógrafo nunca quixo producir un acontecemento senón, en primeiro lugar, producir unha visión”.

Folleto da actividade

 

HORARIO: Mércores de 19:00 a 20:30 h

16 de novembro. O ollo da cámara (ou o cinema como pulsión escópica)
23 de novembro. O ollo e a navalla de Luis Buñuel
30 de novembro. Entre unha imaxe e outra imaxe: a sintaxe sentimental do cinema
14 de decembro. Entre un son e unha imaxe: a audiovisión
21 de decembro. Visións do absoluto I. Andrei Tarkovski
11 de xaneiro. Visións do absoluto II. Terrence Malick
18 de xaneiro. Quero ver o que ti ves: o cinema e a luz
25 de xaneiro. Imaxes a flor de pel: a autobiografía no cinema
1 de febreiro. Unha habitación con vistas: o cinema (de) interior de Chantal Akerman
8 de febreiro. A zona cero da mirada: Nobuhiro Suwa, o cineasta de Hiroshima
15 de febreiro. Retrato dunha obsesión: A bela mentireira de Jacques Rivette
22 de febreiro. Werner Herzog, testemuña da apocalipse
1 de marzo. O sublime e o sinistro na obra de M. Night Shyamalan
8 de marzo. Visións espectrais no melodrama norteamericano dos anos corenta
15 de marzo. Nós, as pantasmas: o cinema de Kiyoshi Kurosawa
22 de marzo. O espello de tres caras I. Jean Epstein (1897-1953)
29 de marzo. O espello de tres caras II. Jean Vigo (1905-1934)
5 de abril. O espello de tres caras III. Jean Cocteau (1889-1963)
19 de abril. Revelacións (e melancolía) da forma no cinema de Yasujiro Ozu e John Ford
26 de abril. O "alumbramiento" de Víctor Erice
10 de maio. A pantalla opaca: o thriller norteamericano dos anos setenta
24 de maio. José Luis Guerín e as sombras do real
31 de maio. Non ver / ver / deixar de ver: trompe l’oeil e miraxes da comedia

 

José Manuel López (Vigo, 1974)

Licenciado en Publicidade e Relacións Públicas e, actualmente, doutorando en Comunicación pola Universidade de Santiago. En 2004 funda a revista en liña de cinemaTren de sombras e actualmente forma parte do consello de redacción da revista Caimán Cadernos de Cinema (anteriormente coñecida como Cahiers du Cinéma. España).
En 2011 e 2012 traballa como dialoguista na cuarta e quinta tempada de Matalobos, a serie que a produtora Voz Audiovisual desenvolve para a Televisión de Galicia.
Colabora desde o 2012 co MARCO de Vigo e desde o 2014 co CGAC de Santiago como docente de cursos de cinema e participou en seminarios e impartiu charlas en diferentes lugares de España.
En 2008 edita o libro Naomi Kawase. El cine en el umbral para o Festival Internacional de Cinema de Las Palmas de Gran Canaria e participou en libros colectivos como La risa oblicua. Tangentes, paralelismos e intersecciones entre documental y humor (Documenta Madrid), Elegías íntimas. El cine visto por los cineastas (Documenta Madrid),Un extraño entre nosotros. Las aventuras y utopías de José Luis Borau (Filmoteca de Estremadura) o Paul Schrader. El cineasta frenta a los tiempos (Seminci. Festival de Cine de Valladolid). Colaboró en revistas especializadas como Secuencias, Transit, Blogs & Docs ou Nosferatu e con editoras de DVD como Intermedio ou Cameo.

DIRECCIÓN: José Manuel López

COORDINACIÓN: Virginia Villar

DESTINATARIOS: Profesores, estudantes e todas as persoas interesadas no tema proposto.

PRAZAS: 250

INSCRICIÓN: O prazo de inscrición estará aberto desde o 15 de xuño até o 16 de novembro de 2016. As persoas interesadas poden inscribirse enviando un correo electrónico a cgac.educacion@xunta.gal no que deberán indicar o seu nome completo, DNI, estudos, área de traballo ou interese, unha dirección de correo electrónico e un teléfono de contacto. Unha vez aceptada a solicitude, informarase ás persoas inscritas sobre como realizar o pago.

MATRÍCULA: matrícula anticipada (15 de xuño - 31 de agosto): 70 € / Matrícula ordinaria (1 de setembro - 16 de novembro): 80 € / Socios do Cineclube Compostela: 65 €

CERTIFICACIÓN: O CGAC entregará un certificado de asistencia a todas aquelas persoas que asistan ao 75% das sesións como mínimo.

COLABORA: Cineclube de Compostela