Museo do Viño de Galicia

Sala 1. A creación das paisaxes do viño

O  contido do Museo do Viño concede o protagonismo aos habitantes e ao seu vínculo co territorio e coa vide, elementos que definen a cultura do viño en Galicia. A vide e o viño (a vitivinicultura) foi e segue sendo un fenómeno propio que modula e identifica os espazos xeográficos e sociais onde se practica.

Dese modo, nesta sala vemos como o proceso histórico da colonización e da expansión vitícola foi unha ferramenta de ordenación do territorio galego que dota de singularidade as paisaxes coas mudanzas e vicisitudes do tempo.

No comezo do percorrido preséntanse os territorios, a vide e a humanización da paisaxe agraria, que se vén modificando por este cultivo dende a Idade Media. A visita comeza explicando a humanización da paisaxe agraria, isto é, como o viñedo crea e modifica a paisaxe circundante paseniñamente, xera asentamentos e vertebra o territorio agrícola dende a Idade Media ata a actualidade.

Ademais dunha pequena selección de pezas que exemplifican estes procesos, o relato apóiase nun audiovisual envolvente que amosa as paisaxes do viño das cinco denominacións de orixe actuais e fala da paisaxe e da cultura do viño ao longo da historia.

Vestíbulo de transición A (entre as salas 1 e 2). Solos de Galicia para o viño

A vide é unha planta que se adapta moi ben a distintos tipos de solos, producindo viños de calidade mesmo naqueles moi pobres en nutrientes. Os solos de Galicia para o viño son solos formados a partir de granitos, xistos, lousas, sedimentos e rochas de codia oceánica, como as anfibolitas.

Neste espazo podemos observar cortes edafolóxicos de cinco áreas de viñedo diferentes de Galicia e súas características principais.

Sala 1

Sala 2. Os traballos da viña

Preséntanse as principais actividades da viticultura tradicional, os ciclos vitícolas e os seus protagonistas, facendo unha reflexión sobre outros oficios relacionados coa viticultura e os cambios posteriores que incorporaron a mecanización.

Móstranse os catro ciclos principais do ano que marcan os traballos nas viñas, comezando polo final do outono e rematando na vendima, e algunhas das súas ferramentas máis representativas.

A sala compleméntase cun recurso de vídeo onde se visualiza a evolución dunha vide de Santo André de Camporredondo ao longo de todo un ano.

Na zona da lareira, imaxes históricas que asocian os labores da viña cos protagonistas da viticultura.

Balcón principal

O paso entre as salas 2 e 3 permite unha pequena parada no discurso, onde se sitúa unha balconada corrida con varanda de forxa, que mira á paisaxe da viña, co val ao fondo e a igrexa principal de Santo André no primeiro termo. Un sky line que destaca os elementos máis representativos da paisaxe que observamos dende o propio museo.

balcon_principal_museo_vinho.png

Sala 3. Galicia e os seus viñedos

Este espazo está dedicado á presentación ao público, de forma conxunta, das cinco denominacións de orixe actuais do viño en Galicia (Rías Baixas, Monterrei, Valdeorras, O Ribeiro e Ribeira Sacra) e aos Viños da Terra, que ampara as áreas con Indicación Xeográfica Protexida.

Como recurso principal destaca unha gran maqueta territorial de Galicia con proxección cenital e frontal que ilustra con imaxes aéreas as distintas comarcas vitícolas: as denominacións de orixe e as súas principais localidades, patrimonio asociado ao viño como reitorais e mosteiros, as cifras de produción de uva e as distintas variedades cultivadas, o que permite apreciar a riqueza e diversidade da cultura do viño en Galicia.

Por último, un recurso didáctico moi sinxelo para achegar ao público a rica variedade das viníferas galegas. Mediante un xogo de cubos móbiles, amósanse 24 variedades de uvas brancas e tintas autorizadas, a maioría propias de Galicia, a súa distribución territorial e características principais, uva, folla...

Sala 4. O Ribeiro

Como é lóxico, o museo dedícalle unha sala á comarca vinícola na que está situado, unha das de maior personalidade e antigüidade de Galicia: O Ribeiro. Faise un percorrido pola historia, a identidade e o desenvolvemento da vitivinicultura nesta comarca, xa que O Ribeiro conta con varios fitos significativos, como o seu papel nas reivindicacións agrarias ou no nacemento e impulso das cooperativas.

Outros moitos aspectos que destacan no Ribeiro abórdanse nun Teatriño Virtual cunha cronoloxía propia, como a explicación do viño tostado do Ribeiro en 1862, os procesos de comercialización do viño en 1909, o cooperativismo no Ribeiro en 1973 ou a coñecida Feira do Viño na actualidade.

Sala 5. Granxas e priorados

Nunha planta intermedia introdúcese un bloque de información sobre a produción vitícola dos mosteiros e o contexto que deu lugar a instalacións adegueiras como Santo André, coas figuras das granxas e os priorados en Galicia.

O Balcón dos Lagares

No balcón que mira aos lagares hai gráficas que adiantan o que se vai ver en plantas inferiores, coa información sobre o funcionamento dos lagares de Santo André.

Sala 5

Sala 6. A chegada da uva

No piso inferior, con acceso directo desde o exterior, sitúase esta planta que servía de acceso da uva aos lagares, o que supón o comezo da área vinícola no discurso do museo: a transformación da uva en viño necesita tamén dunha explicación do proceso de traballo, ferramentas e formas que se acadan para obter os diferentes tipos de viño. Coa chegada da uva ao lagar comezan os procesos de transformación da uva en viño.

Sala 6

Sala 7. Os lagares

Trátase dunha gran nave de pedra onde se situaban os cinco lagares pétreos que chegaron a funcionar neste edificio e dos que se conservan dos.

Neste espazo podemos coñecer as tipoloxías dos lagares e o proceso obtención do mosto co emprego de lagares, estrulladoras e prensas.

Pero, sen dúbida, o protagonista deste espazo é o audiovisual envolvente no que se recrea o funcionamento dun destes lagares.

Sala 7

Sala 8. O viño na adega

Na última sala chégase á transformación do mosto en viño. Explícanse os procesos de vinificación, e, mediante un manipulativo moi didáctico, analízanse e experiméntanse os diferentes pasos de elaboración do viño.

Sublíñase tamén a importancia dos oficios relacionados directamente cunha adega: a figura dos cubeiros e toneleiros e as súas ferramentas. Complétase con vídeos de imaxes reais dun toneleiro e un cubeiro traballando na zona de Ribadavia, e que ofrecen unha testemuña documental de oficios xa desaparecidos.

A adega de Santo André

A adega de Santo André é un elemento excepcional desta edificación. Está conformada por dúas galerías nas que se completaba o proceso de vinificación e conservación dos viños que sairían cara a Compostela. Escavada en rocha, é anterior á construción deste edificio, momento no que presumiblemente se engaden algúns abovedamentos ou arcos para asegurar a súa estrutura.