Museos de Galicia

Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega)

14 de novembro do 2014 Públicase un libro que repasa os 10 anos da vida cultural do Museo Pedagóxico de Galicia

Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega)

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou hoxe no MUPEGA o libro 10 anos do Museo Pedagóxico de Galicia, unha nova actividade –tras a recente inauguración dunha mostra conmemorativa o pasado 20 de outubro– programada para celebrar o décimo aniversario desta institución cultural.

En concreto, a obra 10 Anos... estrutúrase nun capítulo inicial que enmarca o volume, asinado polo actual director Emilio Castro; vinte artigos de balance e síntese do que significa o MUPEGA e a súa evolución durante estes primeiros dez anos, asinados todos eles por prestixiosas autoridades do eido educativo e profesionais vinculados á institución; e unha sucinta escolma gráfica que dan conta da evolución desta institución museal sita no compostelano barrio de San Lázaro.

Neste sentido, o conselleiro explicou que o libro recolle a participación coral dunha vintena de amigos e colaboradores do MUPEGA, “un conxunto de textos –afirmou Vázquez Abad− que nos ofrecen, por este motivo, unha serie de pensamentos e lembranzas, de impresións e suxestións arredor da existencia deste centro museístico de referencia dentro do noso actual sistema educativo. Un volume no que os lectores poden atopar ademais, a modo de sucinta crónica, os acontecementos vividos nesta curta andaina e a descrición deste xermolar.”

“O Mupega –concluíu o titular de Cultura− está pois de parabéns porque chega ao uso de razón, que se dicía antano, e porque faino respondendo ás características que xa apuntaba o Premio Nobel turco, Orhan Pamuk, nun artigo publicado co título Modesto manifiesto por los museos: «Reivindico un museo pequeno que conte historias a escala humana, que recree o pasado de seres humanos singulares, que nos fale de historias cotiás e ordinarias…», e todo isto faino, coma ninguén, o noso Mupega.”

Educar, conservar, protexer
Ademais da presentación do libro conmemorativo, o Mupega acolleu dentro do programa de actos conmemorativos do día, a conferencia “Patrimonio histórico: educar, conservar, proteger”, que impartiu a profesora da Universidade Complutense e xefa do servizo do servizo de exportación e importación de Bens Culturais da Subdirección Xeral de Protección de Patrimonio Histórico do Ministerio de Cultura, Inmaculada González Galey. A xornada rematou cunha visita guiada polo director do centro, Emilio Castro, á referida mostra temporal “10 anos de Mupega.”

O patrimonio pedagóxico e lúdico de Galicia
O MUPEGA, que protexe, estuda e difunde o legado histórico-educativo da nosa terra, ofrece nas súas plantas baixa e primeira diversos espazos museográficos como os que representan as distintas aulas históricas de primaria e secundaria, a inspección educativa, o maxisterio, o mundo infantil, as escolas chegadas de alén mar e a galería de educadores galegos.

Así mesmo, na segunda planta a protagonista é a Rede Mupega, na que se ofrece unha coidada selección de fondos procedentes dos institutos históricos da nosa comunidade, aqueles creados nos anos centrais do século XIX, e que son o IES Salvador de Madariaga (A Coruña), o Arcebispo Xelmírez (Santiago de Compostela), o Lucus Augusti (Lugo), o Otero Pedrayo (Ourense) e o Sánchez Cantón (Pontevedra). Algunhas pezas singulares expostas neste andar son o Mapa Orográfico de Vicente Fraiz Andón, a máquina de imprenta Minerva, o motor Barreiros, que se empregaba na instrución do alumnado de FP na rama de mecánica, ou a máquina Perkins para a escritura en Braille.

Cómpre lembrar ademais que o museo mantén desde o principio un compromiso co mundo infantil, en xeral, e co do xogo e xoguete tradicional galego, en particular. Hai varias áreas especificamente deseñadas para explicar elementos capitais do mundo infantil como son o nacemento, a crianza e o xogo. Neste sentido cómpre destacar unha ludoteca para os máis pequenos e un patio de xogos exteriores para que os maiores podan coñecer e gozar co noso patrimonio lúdico máis enxebre.

21 de outubro do 2014 Xesús Vázquez Abad inaugura a mostra conmemorativa ‘10 anos de Mupega’ destacando as “máis de 100 exposicións itinerantes e 50 traballos de investigación editados”

Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega)

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, inaugurou onte a exposición ‘10 anos de Mupega’, coa que se conmemora unha década de actividade pública do Museo Pedagóxico de Galicia na súa sede compostelá de San Lázaro, un espazo polo cal pasaron xa preto de 70.000 visitantes. Concretamente, ‘10 anos de MUPEGA’ ocupará a parte dedicada a exposicións temporais da primeira planta e nela exporanse un total de 89 pezas entre imaxes, documentación de arquivo e materiais educativos que testemuñan a súa evolución, que pon de manifesto a variedade e riqueza do patrimonio pedagóxico de Galicia, desde a súa apertura o día 21 de outubro de 2004 até a actualidade. A mostra permanecerá aberta até o 28 de febreiro de 2015 e poderá visitarse de balde.

O conselleiro destacou que se trata do primeiro museo desta temática que xorde en España con respaldo institucional desde o século XIX e fixo fincapé no seu traballo expositivo e investigador: “con máis de 100 exposicións itinerantes e máis de 50 traballos de investigación editados”. Así mesmo, nos dez anos de vida pública do museo organizáronse 4 eventos congresuais de carácter nacional e internacional, 5 cursos de formación para especialistas e 10 exposicións temporais de produción propia.

Por outra banda, Vázquez Abad chamou a atención sobre o feito de que o MUPEGA se fose incorporando “ás organizacións museísticas máis sobranceiras, desde o ICOM ata o Consello Galego de Museos, sen esquecer ás relacionadas co mundo do xogo e xoguete tradicional, como Brinquedia ou a Asociación Galega do Xogo Tradicional, nestes casos para responder ao mandato fundacional que este centro tivo e ten co mundo do xogo e do xoguete galego.” “Desde a Consellería de Cultura e Educación −concluíu o responsable da Xunta−, parécenos moi importante que manteñamos o contacto co esencial do pasado e coa actitude das persoas que sentaron as bases para ofrecer unha educación de calidade.”

Un museo centrado no patrimonio pedagóxico e lúdico de Galicia
O MupegaA, que protexe, estuda e difunde o legado histórico-educativo da nosa terra, ofrece na súa planta baixa e primeira distintos espazos museográficos como os que representan as distintas aulas históricas de primaria e secundaria, a inspección educativa, o maxisterio, o mundo infantil, as escolas chegadas de alén mar e a galería de educadores galegos. Así mesmo, na segunda planta a protagonista é a Rede Mupega, na que se ofrece unha coidada selección de fondos procedentes dos institutos históricos da nosa comunidade, aqueles creados nos anos centrais do século XIX, e que son o IES Salvador de Madariaga (A Coruña), o Arcebispo Xelmírez (Santiago de Compostela), o Lucus Augusti (Lugo), o Otero Pedrayo (Ourense) e o Sánchez Cantón (Pontevedra). Algunhas pezas singulares expostas son o Mapa Orográfico de Vicente Fraiz Andón, a máquina de imprenta Minerva, o motor Barreiros, que se empregaba na instrución do alumnado de FP na rama de mecánica, ou a máquina Perkins para a escritura en Braille.

Por último, o museo mantén desde o principio un compromiso co mundo infantil, en xeral, e co do xogo e xoguete tradicional galego, en particular. Hai varias áreas especificamente deseñadas para explicar elementos capitais do mundo infantil como son o nacemento, a crianza e o xogo. Neste sentido cómpre destacar unha ludoteca para os máis pequenos e un patio de xogos exteriores para que os maiores poidan coñecer e gozar co noso patrimonio lúdico máis enxebre.

20 de decembro do 2013 Cultura e Educación inaugura no Mupega a mostra temporal '1970- 1990. Aquel tempo da E.X.B.'

Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega)

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, inaugurou hoxe o Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega) a exposición temporal “1970- 1990. Aquel tempo da EXB”. Á inauguración da devandita mostra acudiu o secretario xeral técnico, Jesús Oitavén, que estivo acompañado polo director do centro museístico, Emilio Castro.