As salas
1. A conquista do mar
O percorrido iníciase pola gran sala situada na primeira planta, onde a exposición se articula arredor da idea da conquista do mar. Está dedicada á navegación e ás disciplinas, como a astronomía, a xeografía e a construción naval, que fixeron posible o seu desenvolvemento e o do comercio marítimo. O discurso complétase con referencias ao papel desenvolvido neste ámbito polas expedicións marítimas e o corso.
A sala conserva a museografía orixinal dos anos 30 do século XX, constituíndo en si mesma unha peza de museo na que destaca a valiosa colección de libros antigos de temática marítima e naval, na que os incunables, libros impresos nos primeiros anos da imprenta (1453-1500), merecen especial atención.
2. A explotación dos recursos do mar
A planta baixa está dedicada á explotación dos recursos do mar. Parte dunha pequena sección onde se expoñen materiais arqueolóxicos procedentes da factoría de salga e o obradoiro de ánforas de época romana (século II-IV) do xacemento romano de Pescadoira. O discurso céntrase na actividade industrial da familia Massó: as súas fábricas de salga e de conservas e a caza da balea, mostrando unha colección única en España.
3. Embarcacións tradicionais
Dentro desta mesma temática, pódese visitar a gran sala das embarcacións tradicionais, na que se expoñen tres das mais representativas da ría de Pontevedra: a dorna, o bote polbeiro e o gran pecio da última lancha xeiteira.
4. Antiga salgadura
En breve abrirase ao público o espazo no que se recuperaron recentemente dezaoito píos dunha antiga salgadura de principios do século XIX, adquirida polos Massó en 1900 para dedicala a almacén de anchoa.