Museos de Galicia

Museo Massó

1 de abril do 2016 Unha gran doazón para o Museo Massó

Museo Massó

Antonio Rama. Foto: Fernando Bellas
Antonio Rama. Foto: Fernando Bellas

Os fondos do Museo Massó víronse incrementados nos últimos días coa incorporación dunha desinteresada doazón dun coleccionista particular, Antonio Rama, composta por una variada colección de obxectos náuticos.

Antonio Rama Laguna foi reporteiro gráfico ata o seu retiro, actividade que desenvolveu moitos anos na Televisión de Galicia. Compaxinou o seu traballo cunha das súas grandes afeccións, o coleccionismo de obxectos e antigüidades relacionados coa navegación.

A doazón realizada á Comunidade Autónoma de Galicia para ser exposta no Museo Massó, xa está nas instalacións do Museo, que prepara unha exposición temporal para presentala ao público e como adianto do que será nun futuro a súa integración na exposición permanente.

 No Museo Massó estase a catalogar este material, composto por case duascentas pezas, entre as que figuran obxectos que non existían nos fondos do Museo, que posúe unha das mellores coleccións de instrumentos de navegación.

Entre os obxectos doados destacan os instrumentos de navegación, pistolas lanzabengalas de diferentes épocas, unha lanterna de faro, placas identificativas de barcos procedentes de estaleiros galegos, bucinas ou sirenas, catalexos, documentos e incluso unha escafandra e botas clásicas de mergullador, de finais do século XIX.

Entre as “xoias” da colección cabe destacar, a modo de exemplo, un telégrafo para a transmisión de manobras dende o barco de 1885 ou tamén un sextante circular ou círculo de reflexión, instrumento de navegación xa moi escaso en todo o mundo.

Galería

  • Peza que forma parte da doazón

  • Peza que forma parte da doazón

  • Peza que forma parte da doazón

  • Peza que forma parte da doazón

  • Peza que forma parte da doazón

28 de xullo do 2014 O Museo Massó publica a súa primeira guía

Museo Massó

O Museo Massó da Consellería e Cultura, Educación e Ordenación Universitaria divulga o seu legado coa publicación da súa primeira guía, unha obra que, ademais de facilitar a visita á exposición permanente, lle achega á cidadanía o patrimonio marítimo e industrial a través da historia do museo, do proceso de conquista do mar e da explotación dos seus recursos.

A partir dunha visión global do centro museístico, a guía, que se presenta baixo o título ‘Museo Massó. O museo que medrou dentro dunha fábrica de conservas’, reflicte boa parte da formulación conceptual e os principios básicos da institución, os aspectos que definen a súa singularidade e especificidade, así como a natureza dunhas coleccións únicas e dun patrimonio cultural de gran valor.

Primeiras cartas náuticas das costas galegas
O patrimonio marítimo e industrial conviven co espírito erudito do coleccionismo doutra época na exposición permanente do Museo Massó. O seu percorrido iníciase na sala dedicada á navegación e a aquelas disciplinas como a astronomía, a xeografía e a construción naval que fixeron posible o seu desenvolvemento e o do comercio marítimo.

A exposición desta sala, que se aborda no apartado da guía que leva por título ‘A conquista do mar’, integra unha interesante colección de incunables e libros antigos especializada en temas marítimos e navais, na que se inclúen libros como ‘Seesviegel’, de Willem Jansz Blaeu (Ámsterdan, 1623), con algunhas das primeiras cartas náuticas das costas galegas; o tratado astronómico de Ptolomeo e un manual de pilotos de 1545, de Pedro de Medina, que foi o máis popular en Europa nos séculos XVI e XVII. Tamén se detallan na guía diversos instrumentos que amosan o paso da navegación astronómica á científica, como cuadrantes horarios, reloxos de sol e compases náuticos, entre outros.

No apartado ‘Explotación dos recursos do mar’, a guía percorre a exposición das salas situadas na planta baixa do museo. Partindo dunha sección dedicada á factoría de salgadura e o taller de ánforas do depósito romano de Pescadoira (Bueu), o discurso céntrase na actividade industrial da familia Massó: as fábricas de salgadura e de conservas e a factoría baleeira.

Materiais da factoría de salgadura romana
Basas e fragmentos de fustes de columnas romanas dos séculos II e III xunto cun coitelo con mango de óso tamén desta época son algúns dos materiais da factoría de salgadura romana que se conservan no museo e que se inclúen na guía. A publicación tamén destaca unha prensa do século XIX para a extracción da graxa das sardiñas, unha máquina troqueladora para realizar fondos e tapas de latas, un caixón de medida para a descarga do peixe, unha mesa na que inicialmente se soldaban a man as latas, fotografías antigas da actividade da empresa e diversos bosquexos para carteis publicitarios e os deseños das latas e dos seus estoxos.

O percorrido expositivo do museo continúa na fábrica de salgadura do século XIX que formaba parte do complexo industrial Massó e foi recuperada recentemente, para finalizar na nave onde se expoñen as embarcacións. Ademais, a experiencia museística esténdese polo ámbito inmediato co peirao das embarcacións tradicionais e o motopesqueiro Caneliña, que forma parte da colección do museo, a carpintería de ribeira e o resto das instalacións e embarcacións dun xenuíno e activo porto pesqueiro.

As orixes do museo
O Museo Massó encóntrase instalado nas naves industriais da antiga conserveira Massó Hermanos, nas inmediacións do porto de Bueu, na ría de Pontevedra e en pleno corazón da península do Morrazo.  A idea de crear un museo foi suxerida por Guillermo Marconi durante a visita que realizou en 1928 á fábrica de conservas Massó. No domicilio da familia quedou sorprendido pola colección de instrumentos de navegación, documentos e libros antigos, obxectos curiosos e maquetas de barcos históricos. Seguindo o seu consello, os irmáns Massó levantaron unha planta sobre o máis antigo edificio da fábrica, e en 1932 nacía o Museo Massó.

Co tempo, os testemuños das factorías conserveira e baleeira e a actividade pesqueira foron completando o perfil do museo. En 1994, despois do peche da fábrica, o museo foi adquirido pola Xunta de Galicia. Hoxe no Museo Massó convive o patrimonio marítimo e industrial co espírito erudito do coleccionismo doutra época.

5 de xullo do 2014 A Consellería de Cultura e Educación presenta o curso de iniciación á navegación tradicional que se impartirá no museo Massó de Bueu os próximos 12 e 13 de xullo

Museo Massó

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través do Museo Massó, colabora coa asociación de amigos das embarcacións tradicionais 'Os Galos' de Bueu na organización do curso de iniciación á navegación tradicional que se realizará en bote xeiteiro, traiñeira e dorna.

O curso, dirixido a persoas maiores de catorce anos, comezará o vindeiro sábado día 12 de xullo e rematará o domingo 13. O custe da matrícula é de dez euros e o número de prazas, que se cubrirá por rigorosa orde de inscrición, estará limitado a 15 persoas. Os interesados deberán chamar ao teléfono 986 321 838 –entre as 10.00 e as 20.00 horas de martes a sábado e entre as 10.00 e as 14.00 horas os domingos e festivos–, ou poñerse en contacto por correo electrónico con museo.masso@xunta.es.

Ademais deste curso, o vindeiro xoves 10 de xullo as 12.00 horas levarase a cabo o obradoiro de verán ‘Mensaxe nunha botella’. A actividade será gratuíta e está dirixida a nenos e nenas de ente 6 e 10 anos.

Colección permanente
Ademais do curso, o Museo Massó conta cunha exposición permanente baseada na temática da conquista do mar e da explotación dos seus recursos. Entre os elementos que a conforman destacan o mobiliario da clínica da fábrica de conservas Massó de Bueu, a colección sobre o deseño e a tipoloxía de envases –na que destaca a obra de Federico Ribas–, gravados do século XVII sobre a caza da balea, mascaróns de proa, documentos e libros relacionados cos corsarios, un diario de navegación dunha expedición comandada por Blas de Lezo, así como unha serie de libros incunables, entre outras pezas.

As orixes do museo
A orixe das coleccións do Museo Massó retrotráese a primeiros do século XX, grazas ao labor coleccionista dos Massó, unha familia catalá que asentou en Galicia a comezos do XIX para a explotación da industria pesqueira galega. Particularmente, José María e Gaspar recompilaron unha interesante colección de obxectos relacionados co mar e unha completa colección de libros. Este sería o xermolo dun museo de natureza privada que se instalaría no antigo edificio da fábrica conserveira familiar e que foi inaugurado en 1932 por idea de Guillermo Marconi (Nobel de Física en 1909) quen, en 1928, visitou Bueu e quedou impresionado pola colección.

No Museo Massó convive o patrimonio marítimo e o industrial co espírito erudito do coleccionismo doutra época. O seu carácter peculiar reside no feito de que é froito das inquedanzas culturais dos citados industriais conserveiros. O seu interese pola navegación levounos a crear unha colección única de libros impresos entre os séculos XV e XIX, manuscritos, instrumentos náuticos, cartografía, documentos e maquetas de embarcacións históricas, que constitúen a alma desta colección. Co tempo, a actividade pesqueira e os testemuños das factorías conserveira e baleeira foron completando o perfil dun museo único e sorprendente que aínda mantén o encanto da colección orixinaria.

2 de agosto do 2013 O Museo Massó ofrece unha nova mostra sobre Antonio Massó

Museo Massó

'Antonio Massó en cor marfil' amosará ata o 31 de outubro os pirogravados dun dos irmáns fundadores da fábrica de conservas que acolle hoxe as dependencias deste centro museístico dependente da Consellería.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada no seu secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, inaugurou esta tarde a exposición temporal Antonio Massó en cor marfil, que permanecerá no Museo Massó de Bueu ata o 31 de outubro. No acto tamén participaron o fillo do propio Antonio Massó, Antonio Massó de Ariza e a directora do Museo, Covadonga López de Prado Nistal, que exerce ademais de comisaria da exposición.

Esta mostra forma parte da ampla programación cultural que ofrece o Museo Massó, que neste verán reforza o seu horario abrindo ata as 12 da noite os días 3, 7 e 16 de agosto. Antonio Massó en cor marfil, que se integra dentro do percorrido da colección permanente, reúne diversas obras do empresario Antonio Massó nas que se evidencia a súa faceta creativa co emprego da técnica do pirogravado. Ademais, recoñece o seu importante labor na difusión da colección do Museo, chegando a deseñar o ex-libris da biblioteca familiar.

Na súa intervención, Anxo Lorenzo sinalou que "esta exposición presenta unha perspectiva múltiple da implicación cultural dos emprendedores da industria vinculada ao mar: por unha banda, o labor de mecenado de artistas de alta calidade; por outra, a propia vertente artística familiar; e, finalmente, ese importantísimo labor de compilación da familia Massó".

Artista do marfil

Antonio Massó García (Vigo, 1906-1988) formou parte da terceira xeración da saga catalá dos Massó, que se estableceu en Bueu (Pontevedra) a principios do século XIX para dedicarse á salgadura e conserva de peixe. A súa inclinación artística levouno a facerse cargo da imaxe e a publicidade da fábrica de conservas Massó Hermanos e a desenvolver unha gran destreza no scrimshaw ("talla en marfil"), unha arte moi antiga desempeñada tradicionalmente polos cazadores de baleas. Así, na súa madurez o empresario cultivou a meticulosa técnica do pirogravado, que consiste en gravar por medio dun buril eléctrico que queima a superficie sobre a que se traballa, servíndose do marfil dos cairos de cachalote procedentes das factorías baleeiras da familia para reproducir escenas navais e de caza da balea. Deste xeito, tal e como destacou o secretario xeral de Cultura, "Antonio Massó recolleu dunha maneira natural os propios materiais da súa industria baleeira e, nun labor que ten algo tamén de artesán, transformou os cairos dos cachalotes en pequenas obras de arte".

'Memoria cultural dunha época'

A sede do Museo Massó sitúase no edificio máis antigo da fábrica de conservas Massó Hermanos. Ten a súa orixe na colección que os irmáns Massó mostraron ao público dende 1932 no antigo Museo Marítimo, e que pasou a converterse no ano 2002 –xa co nome de Museo Massó– nunha institución de titularidade pública pertencente á Xunta de Galicia.
A exposición permanente reúne unha importante cantidade de libros imprimidos entre os séculos XV e XIX, instrumentos náuticos, cartografía, documentos e maquetas de embarcacións históricas; na que "conviven unha memoria industrial pero tamén a memoria cultural dunha época", segundo apuntou Anxo Lorenzo. Neste senso, o secretario xeral de Cultura tamén sinalou na súa intervención que "estas achegas contribúen a achegarlle á cidadanía a mostra dun pasado recente que mudou a sociedade da zona, e que marcou unha nova época de desenvolvemento industrial que cómpre documentar, estudar e coñecer".

25 de xullo do 2013 O Museo Massó ofrece unha ampla programación de obradoiros para este verán

Museo Massó

A consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria aposta unha vez máis pola difusión da excepcional colección relacionada coa náutica albergada no Museo Massó de Bueu. Faino a través dunha ampla programación estival de obradoiros, que se desenvolverán ó longo de diversas mañás de xullo e agosto no propio edificio do Museo (Avda. Montero Ríos, s/n. Bueu). As actividades, que duran entorno a unha hora, están dirixidas a rapazas e rapaces de ata 14 anos e será precisa unha inscrición previa chamando ao teléfono 986 321 838 (de luns a venres, de 10.00h a 20.00h).

Programación

As actividades arrancan o día 26 de xullo cun taller sobre a tradición da caza das baleas, que se repetirá en xornadas posteriores. Ó longo da programación os participantes poderán asistir a O que o mar non quere, no que aprenderán a liberar o mar de residuos contaminantes; Ex-libris mariñeiros, unha visita á exposición temporal sobre Antonio Massó; e Sentir o Museo, unha viaxe sensorial para coñecer o edificio dunha forma diferente. A duración dos obradoiros esténdese ata o 22 de agosto, no que se volverá a ofrecer O que o mar non quere como peche deste verán cultural.

Pódese consultar a programación completa no seguinte enlace:

http://museomasso.blogspot.com.es/2013_07_01_archive.html

16 de xullo do 2013 Obradoiros infantís para se mergullar no Museo Massó a través dos cinco sentidos

Museo Massó

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria aposta polo obradoiro Sentir o Museo, dedicado aos máis novos, para a programación do Museo Massó. Con esta actividade nenos e nenas de 3 a 6 anos poderán mergullarse nos diferentes espazos e obxectos que compoñen o edificio máis antigo da fábrica de conservas Massó Hermanos. Este obradoiro, no que os cinco sentidos pasarán a ser claves para o desenvolvemento da xornada, celebrarase mañá a partir das 12 horas.

Desta maneira, durante aproximadamente unha hora e media o Museo Massó acollerá unha viaxe sensorial na que rapaces e rapazas experimentarán o museo a través do oído, do tacto, do olfacto, do gusto e da vista. Os pequenos descubrirán a súa historia e os obxectos que o compoñen para logo escoitar, tocar, cheirar e saborear cos ollos pechados e identificar o que foron observando ao longo da visita.

Museo Massó, exposición permanente

Dende que no ano 1932 o edificio máis antigo da fábrica de conservas Massó Hermanos pasou a ser un Museo, este foise convertendo nun espazo único e sorprendente que conserva o encanto da colección orixinaria. Así, o Museo Massó de Bueu é unha exposición permanente que ofrece un percorrido pola conquista do mar e a explotación dos recursos, ademais de posuír tamén pezas de tres das embarcacións tradicionais máis representativas da provincia de Pontevedra.