Ir o contido principal

Colección dos Gabinetes de Ciencias do Antigo Instituto de Santiago

Colección dos Gabinetes de Ciencias do Antigo Instituto de Santiago

O museo

O Instituto de Ensinanza Secundaria Arcebispo Xelmírez I alberga a colección de instrumentos e material científico procedente do antigo Instituto de Segunda Ensinanza de Santiago, creado en 1845 como adxunto á Universidade. A colección é representativa do patrimonio e da memoria dos institutos históricos, os creados ao amparo do Plan Pidal a mediados do século XIX.

A maior parte dos instrumentos científicos son de finais do século XIX e principios do XX. Posúen un gran valor, tanto didáctico como histórico. Estes instrumentos formaban parte dos denominados medios materiais de instrución, necesarios para o ensino das materias científicas, que debían posuír todos os institutos nos seus Gabinetes de Física, Química e Historia Natural.

Son numerosos os instrumentos que se amosan nas vitrinas dunha sala habilitada no centro. Poden verse aparatos e instrumentos pertencentes ás coleccións de Acústica, Agricultura, Calor, Cosmografía, Electricidade e Magnetismo, Gases e Neumática, Hidrostática, Anatomía, Cristalografía, Mecánica, Óptica e Química.

A existencia desta colección de instrumentos científicos no centro é un importante recurso didáctico, incorporado plenamente nas actividades e no programa educativo. Tamén é un bo fío condutor que nos permite poñer de manifesto os diferentes métodos empregados no ensino da ciencia e coñecer a súa historia.

http://www.xelmirez.com/Portada.html

I.E.S. Arcebispo Xelmírez I, Campus Universitario Sur, s/n
15705, Santiago de Compostela

Tlf. 881 866 962
Fax 881 866 970

ies.arcebispo.xelmirez@edu.xunta.es

Horario

Aberto polas mañás en horario escolar. É necesaria solicitude de cita previa por necesidades do horario lectivo


Tarifas

Entrada gratuíta