Museos de Galicia

Exposicións

Do 28 de marzo ao 28 de maio do 2017 Documento estético. Fotografías de Ourense do Marqués de Santa María del Villar

Museo das Peregrinacións e de Santiago

Esta exposición achégase á obra fotográfica de Diego Quiroga Losada, Marqués de Santa María del Villar (1880 – 1976), fotógrafo de orixinal personalidade, cunha profunda preocupación pola protección e defensa do patrimonio cultural.

Cun estilo moi recoñecible no que a súa fotografía busca captar a beleza da imaxe retratada sen máis intervención do fotógrafo que a escolla do momento adecuado de luz, o Marqués de Santa María del Villar é distinguido como o máximo representante da coñecida como fotografía turística, labor que desenvolveu profusamente na prensa de maior tirada, mentres que colaboraba con calquera institución que favorecese o coñecemento das riquezas culturais, naturais e artísticas do país.

Recorreu toda a xeografía española formando un grande arquivo, a pesar da perda dunha parte importante da colección reunida antes de 1936. Moitas das súas fotografías tiñan como obxecto o norte peninsular polo que tiña especial predilección, e por suposto Galicia, terra dos seus ascendentes, á que estivo moi vinculado.

Acostumaba a acompañar con textos as imaxes que publicaba, amenos pero ben documentados, e en ocasións tamén reivindicativos pola desprotección na que se encontraban eses lugares ou monumentos.

No ano 1959 o Marqués de Santa María del Villar realizou unha viaxe pola provincia de Ourense coa finalidade de promover os seus valores patrimoniais. Gran parte da colección de positivos orixinais realizados nesa xeira consérvase no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, o que permite, a través desta escolma, propor un recorrido por algunhas das paisaxes culturais da provincia, a través da mirada do Marqués de Santa María del Villar.

A exposición é unha produción propia do Museo Arqueolóxico de Ourense, que, logo da súa exhibición no Centro Social Afundación na Praza Maior de Ourense, agora itinera para transmitir ao maior público posible a importancia deste senlleiro arquivo fotográfico.

Do 30 de marzo ao 4 de xuño do 2017 California dreaming

Museo de Belas Artes da Coruña

Esta mostra trata da historia da vivenda low-cost a través da biografía de dez autores que traballaron na área de California a mediados do século pasado e que supuxo un cambio radical no concepto da elaboración da arquitectura máis liviá, máis adaptada á estética dese momento, coa introdución de novos materiais e cun uso máis racional e humano.

Preténdese así divulgar a obra de parte dos participantes no Case Study Houses Program como exemplo dun vangardista rigor arquitectónico de grande utilidade para unha necesaria reflexión en tempo de crise máis actual.

A Case Study Houses foron experimentos en arquitectura residencial norteamericana patrocinados pola revista de John Entenza Arts & Architecture. Contratáronse aos mellores arquitectos do momento para deseñar e construír casas modelo baratas e eficientes. Os protagonistas da mostra son dez destes arquitectos: Rudolph Schindler, Richard Neutra, Gregory Ain, J. R. Davidson, Ralph Rapson, Charles Eames, Raphael Soriano, Craig Ellwood, Pierre Koenig e John Entenza.

A exposición busca facer unha pequena contribución ao desenvolvemento dunha cultura crítica da vivenda unifamiliar. Presentar un achegamento a esa vivenda a través dun conxunto de factores que, unidos, configuran o mundo da arquitectura doméstica.

Este proxecto realízase coa colaboración da Escola Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña.

Descargar o manifesto "Arts&Architecture".

Galería

  • Imaxe da exposición California dreaming

    Imaxe da exposición California dreaming

  • Imaxe da exposición California dreaming

    Imaxe da exposición California dreaming

  • Imaxe da exposición California dreaming

    Imaxe da exposición California dreaming

Paginador

  1. 1
  2. 2
  3. 3