Museos de Galicia

Do 29 de setembro do 2017 ao 4 de febreiro do 2018 "Y". Álvaro Negro

Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC)

Hai artistas que chegan a un tema por investigación, outros fano por tendencia. Álvaro Negro pertence claramente aos primeiros. Unha mirada atenta á súa traxectoria descobre moitas relecturas, produto dun actuar sen présa e dun diálogo continuo coa pintura e cunha serie de afinidades electivas, en moitos casos artistas, pero tamén escritores, poetas, arquitectos… A exposición preparada para o CGAC é unha mirada retrospectiva ao seu traballo que incide nunha cuestión fundamental: o paulatino descubrimento dunha iconografía propia e recoñecible que nace xa nas súas primeiras series e que na última década se consolida e se extrema nunha mesma atmosfera.

Así coincidirán obras dalgunhas das súas series de mediados dos anos noventa, como Item Perspectiva ou Symmetrĭa; algúns dos seus primeiros traballos en vídeo da súa etapa londiniense; a serie de vídeos Monteagudo, o seu particular Mont Sainte-Victoire no corazón interior de Galicia; a súa serie de cadros Penumbrosos; así como unha coidada selección de traballos realizados nos últimos anos en diversos materiais como o espello —é o caso do paradigmático Cadro-Tumba—, pedra, tea de saco ou papeis, a maior parte deles inéditos.

En todo o anterior descóbrese unha pormenorizada análise do xénero pictórico que non perdeu de vista as cuestións históricas que, por similitude ou contraste, son pertinentes respecto do seu status contemporáneo. No seu traballo atopamos referencias á luz na pintura renacentista, a unha conciencia da cor respecto das súas connotacións históricas, un despregamento formal máis aló do cadro —nunha sorte de reencarnación da pintura noutros medios como a fotografía ou o vídeo—, e unha constante preocupación pola modulación do espazo e a arquitectura. Con respecto a isto último cabe remarcar que a narrativa desta evolución se pensou en paralelo ao estudo da propia arquitectura das salas deseñadas por Álvaro Siza, tanto é así que tanto a luz descendente modulada polos lucernarios como a sucesión de perspectivas entre as diferentes salas —co baleiro final do Dobre Espazo— serviron de punto de partida para desenvolver o ritmo espazo-temporal da exposición. Trátase, en definitiva, de construír un tempo no que espazo e obra converxen a modo de limiar.

A mostra enmárcase nun dobre proxecto expositivo e editorial dirixido polo responsable da programación do CGAC, Santiago Olmo, e comisariado por David Barro.

Vídeo presentación

Folleto da exposición