Museos de Galicia

Do 22 de febreiro ao 31 de marzo do 2017 - 00:00h Xunguir non é esmorecer, senón medrar

Museo Etnolóxico de Ribadavia

Fotografías de Rita Blanco Fernández sobre a diversidade do Entroido en terras ourensás.

Ourense é terra de Entroido. Ao longo de toda a xeografía da provincia sucédense unha chea de entroidos con caras diferentes. Na comarca de Maceda sae á rúa o anárquico e rebelde felo, brandindo o caxato e perseguindo aos que se meten con el. Na Limia os protagonistas son varios. En Xinzo é a pantalla quen molesta a quen non se disfraza portando nas mans unhas vexigas indoloras pero non inodoras. Na veciña Serraus, os vergalleiros optan por acompañar a charanga mentres chaman cos seus cornos a participar na festa. Cada Entroido ten a súa simboloxía e ritos propios que os diferencian e fan singulares pero tamén teñen semellanzas.

A fotógrafa Rita Blanco captou o entendemento entre eles. A artista busca reflectir nesta exposición apoiada pola «Asociación Felos da Corga da Serra de Maceda», da que é secretaria, dous aspectos fundamentais. Por unha banda, o valor da fotografía como reportaxe ao captar escenas que se describen co movemento como elemento particular e fuxindo do estático. Por outra, a súa paixón polo Entroido que queda patente na beleza e colorido das máscaras e traxes.

De formación autodidacta, leva colaborando dende hai anos coa promoción do Entroido da provincia a través do de varias iniciativas, como son a cooperación no blog Felos de Maceda e na páxina web Felos de Maceda ou con diversas fotografías para o libro de Óscar J. González Mascaradas de la península Ibérica. É tamén membro activo da asociación fotográfica «Os Potiños» do Carballiño. Antes de chegar a Ribadavia, esta mostra estivo no Museo Etnográfico Liste (Vigo), no Castelo Monumento de Maceda e no Pazo da Cultura de Carballo, entre outros.