Ir o contido principal

Do 28 de xuño ao 30 de setembro do 2018 Voando. O pasado. Fotografía aérea e arqueoloxía en Galicia Arquivo do Reino de Galicia

Cartel da exposición

O obxectivo desta exposición do Museo Arqueolóxico de Ourense que acolle o Arquivo do Reino de Galicia é dar a coñecer as posibilidades que a fotografía aérea ofrece ao coñecemento e recuperación, mesmo preservación, do noso patrimonio arqueolóxico. A diferenza doutras propostas semellantes, non se fai a partir da presentación dos avances máis recentes ou expresións alleas ao noso país, senón que se fará reivindicando un proxecto levado a cabo en Galicia e desde Galicia a finais do século pasado. Un proxecto creado e organizado pola que por aquel entón era a Sección de Arqueoloxía do Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos, que puxo a arqueoloxía galega na vangarda dos estudos arqueolóxicos máis alá das nosas fronteiras, malia que non tivo continuidade e tampouco o recoñecemento que tería merecido.

Así, a través das expresións gráficas daquel intento pioneiro, o Museo Arqueolóxico de Ourense propón unha achega ás posibilidades dunha técnica auxiliar no traballo arqueolóxico, que vén de levar un novo pulo e mesmo se ten volto fundamental nos últimos tempos, ao tempo de recuperar unha parte da nosa memoria arqueolóxica, reivindicándoa e facéndoa accesible ás novas xeracións, nun intento de integrar na construción da nosa arqueoloxía todas as posibilidades tanto tecnolóxicas coma metodolóxicas, así coma todas aquelas experiencias que a foron construíndo.

As imaxes do catálogo agrúpanse en tres grandes bloques temático-cronolóxicos que gardan relación coa paisaxe monumental castrexa, coa paisaxe da romanización e coa paisaxe encastelada medieval. O máis amplo é, sen dúbida, o que corresponde á paisaxe monumental castrexa, ordenada tendo en conta o padrón de emprazamento dos devanditos poboados. Por iso se fala de castros marítimos, de castros no cume dun outeiro, de castros de ladeira, de castros nun coto de fortes pendentes, de castros nun meandro dun río e de castros de chaira. É tamén o grupo máis facilmente recoñecible a través dos indicios microtopográficos e fitográficos, sobre todo porque os castros presentan, en termos xerais, formas ben definidas e case canónicas.

No catálogo conxúgase a imaxe oblicua en cor da década dos noventa do século pasado coa fotografía vertical histórica procedente da fototeca dixital do Centro Nacional de Información Xeográfica do Instituto Xeográfico Nacional —Voo Americano, Serie B (1956-1957) e Voo Interministerial (1973-1986)—.