Museos de Galicia

Do 6 de outubro ao 10 de decembro do 2017 Voando o pasado. Fotografía aérea e arqueoloxía en Galicia

Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense

O obxectivo desta exposición é dar a coñecer as posibilidades que a fotografía aérea ofrece ao coñecemento e recuperación, mesmo preservación, do noso patrimonio arqueolóxico. A diferenza doutras propostas semellantes non se fai a partires da presentación dos avances máis recentes ou expresións alleas ao noso país, senón que se fará reivindicando un proxecto levado a cabo en Galicia e dende Galicia a finais do século pasado. Un proxecto creado e organizado polo que por aquel entón era a Sección de Arqueoloxía do Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos que puxo a arqueoloxía galega na vangarda dos estudos arqueolóxicos más alá das nosas fronteiras, malia a que non tivo continuidade e tampouco o recoñecemento que tería merecido.

Así, a través das expresións gráficas daquel intento pioneiro, o Museo Arqueolóxico de Ourense propón achegarnos ás posibilidades dunha técnica auxiliar no traballo arqueolóxico que ven de levar un novo pulo e mesmo se ten volto fundamental nos últimos tempos, ao tempo de recuperar unha parte da nosa memoria arqueolóxica, reivindicándoa e facéndoa accesible ás novas xeracións, nun intento de integrar na construción da nosa arqueoloxía todas as posibilidades tanto tecnolóxicas coma metodolóxicas, así coma todas aquelas experiencias que a foron construíndo.

As imaxes do catálogo agrúpanse en tres grandes bloques temático-cronolóxicos que gardan relación coa paisaxe monumental castrexa, coa paisaxe da romanización e coa paisaxe encastelada medieval. O máis amplo é, sen dúbida, o que corresponde á paisaxe monumental castrexa ordenada tendo en conta o patrón de emprazamento de ditos poboados. Por iso se fala de castros marítimos, de castros no cume dun outeiro, de castros de ladeira, de castros nun coto de fortes pendentes, de castros nun meandro dun río e de castros de chaira. É tamén o grupo máis facilmente recoñecible a través dos indicios microtopográficos e fitográficos sobre todo porque os castros presentan, en termos xerais, formas ben definidas e case canónicas.

No catálogo conxúgase a imaxe oblicua a cor da década dos noventa do século pasado coa fotografía vertical histórica procedente da fototeca dixital do Centro Nacional de Información Geográfica do Instituto Geográfico Nacional –Voo Americano, Serie B (1956-1957) e Voo Interministerial (1973-1986) –.

Galería

  • Exemplo de fotografía aérea e arqueoloxía: Castro de Baroña. Porto do Son

    Exemplo de fotografía aérea e arqueoloxía: Castro de Baroña. Porto do Son

  • Exemplo de fotografía aérea e arqueoloxía: Mina da Toca. O Folgoso do Courel

    Exemplo de fotografía aérea e arqueoloxía: Mina da Toca. O Folgoso do Courel

  • Exemplo de fotografía aérea e arqueoloxía: Campamento de Aquis Querquennis. Bande

    Exemplo de fotografía aérea e arqueoloxía: Campamento de Aquis Querquennis. Bande