Museos de Galicia

Do 6 de maio ao 1 de xuño de 2017 Vivir da terra. A loita do campesiñado galego (1925 – 1975)

Museo Etnolóxico de Ribadavia

Nesta mostra, o grupo de investigación Histagra (Historia Agraria e Política do Mundo Rural. Séculos XIX e XX) da Universidade de Santiago de Compostela ten plasmado o resultado dos seus traballos sobre a conflitividade xerada polas transformacións socioeconómicas nos dous cuartos centrais do século XX.

Histagra é un Grupo de Investigación da Universidade de Santiago de Compostela (USC), composto por 25 membros e dirixido polo profesor Lourenzo Fernández Prieto.

O Museo programou a inauguración desta exposición coincidindo coa celebración do Día Internacional dos Museos, que, coma todos os anos se conmemora o 18 de maio, xa que ten unha relación directa co lema internacional proposto para este ano 2017: “Museos e Historias controvertidas: dicir o indicible nos museos”. Con este lema preténdese este ano salientar a responsabilidade dos museos en promover e comunicar que as coleccións dos museos encarnan os medios da memoria e da representación da historia, tamén daquelas memorias feridas, para poder reflexionar máis aló dos individuos na busca da reconciliación.

Neste contexto, na mostra reflexiónase (como explica o Grupo Histagra), como “a Galicia rural ten sido vinculada ao atraso, á inmutabilidade, ao conservadurismo e ao caciquismo. Sen negar a existencia histórica de actitudes sociais e políticas conservadoras, o certo é que a nosa realidade é bastante máis complexa”.

“Dende finais do século XIX, producíronse transformacións socieconómicas, políticas e culturais moi profundas que mudaron por completo a face do mundo rural. Xunto con períodos de escaseza material, estancamento produtivo e regresión política e social —como a longa posguerra posterior ao conflito de 1936-1939— existiron etapas e movementos democratizadores, de construción da sociedade civil e de modernización económica. É o caso do agrarismo de comezos do século pasado.

Así, esta exposición didáctica céntrase na mobilización política e nos múltiples conflitos sociais que tiveron lugar na Galicia rural dos anos finais da ditadura franquista e da transición. Presenta á súa contribución á conquista social da democracia para integrar mellor ao agro na explicación do cambio histórico na segunda metade do século XX”.

Máis información en http://histagra.usc.es/gl/

A exposición está aberta ao público no local da Igrexa da Madalena (xusto ao lado do Museo), co seguinte horario: de martes a venres de 12:00 a 14:00 h., e de 17:00 a 19:00 h.; sábados e domingos de 11:30 a 14:00 h.; luns e festivos pechado.