Ir o contido principal

René Heyvaert

A obra de René Heyvaert (Gante, 1929 - Scheldewindeke, 1984) é sobria, sinxela e á vez extraordinariamente complexa, ligada tanto ás vangardas históricas como ás súas propias circunstancias vitais. Reflicte a mirada dun artista experimental que tentou buscar, ao clima que deixou a posguerra mundial, unha saída humana na que arte e vida se reconcilian propiciando unha certa idea visionaria dunha utopía humilde. Falecido prematuramente á idade de 55 anos, exerceu unha intensa influencia en sucesivas xeracións de artistas do seu país, Bélxica, e é, por outra banda, un artista actualmente en fase de descubrimento e reconsideración.

Na súa breve dedicación á arquitectura, entre Bélxica e os Estados Unidos, con construcións de vivendas modernas e simples, aplica uns principios que definirán toda a súa obra artística. Esta desenvólvese de maneira consistente desde principios dos anos setenta experimentando con formas e materiais, apropiándose de elementos naturais como pólas e troncos que manipula e reconfigura en varas ou tótems, pero tamén utilizando elementos do cotián como papel pintado, caixas de mistos, latas de conserva ou paquetes de cereais. Os seus debuxos en papeis pautados e milimetrados constitúen conxuntos moi sólidos sobre as posibilidades da seriación e a variación. As súas pezas de arte postal (máis de 200 tarxetas enviadas a 40 destinatarios), realizadas en soportes recortados e obxectos, configuran un ámbito lúdico para o azar.

Nesta exposición exponse unha reconsideración e relectura global da súa obra partindo dunha mostra da súa arquitectura, e organizando as obras en conxuntos segundo as palabras do artista: permutación, ensamblaxes e repetición, como a vida mesma.

Esta exposición, comisariada por Anne Heyvaert e Santiago Olmo, realízase en colaboración co Museo M de Leuven (Bélxica). Ambas as mostras comparten un mesmo núcleo constituído por unha selección de obras procedentes de coleccións públicas e privadas belgas, así como dos fondos do Estate René Heyvaert, depositados na galería Clearing (Bruxelas - Nova York).