Ir o contido principal

O Padre Feijoo. Cidadán libre da República literaria

Exposición

Con motivo dos 250 anos do pasamento de Benito Jerónimo Feijoo Montenegro, máis coñecido como “Padre Feijoo” († 26 de setembro de 1764), o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense programa esta exposición durante o último trimestre do ano 2014, coincidindo con ese aniversario.

A mostra contempla a idea de renovar o interese sobre un dos personaxes claves do século XVIII e particularmente da Ilustración española. A través do discurso expositivo preténdese afondar na súa biografía, produción bibliográfica, homenaxes e diferentes aspectos vinculados á súa rexión de nacemento e formación.

É de resaltar que a súa figura supera os límites provinciais, tal é así que é considerado o fundador do ensaio filosófico en lingua castelá e autor principal dentro do movemento ilustrado. As súas obras, xa en vida, acadaron unha extraordinaria difusión para a súa época con múltiples impresións, mentres era traducido a outros idiomas. Actualmente os seus escritos seguen a ser estudados dende moi diferentes aspectos, evidenciando a importante contribución de Feijoo á cultura e avance do seu tempo.

Coa finalidade de difundir, achegar e facilitar o acceso do público á exposición do Padre Feijoo, ofrecénse visitas guiadas para as persoas que previamente realicen a reserva no museo.