Do 9 de novembro ao 31 de decembro do 2017 O Camiño Francés a Santiago. Mestre Munahiro Ikeda

Museo das Peregrinacións e de Santiago

Esta exposición enmárcase dentro do programa do 2º Encontro Internacional de Cadernos de Viaxe: COMPOSTELA ILUSTRADA, dirixido por Miguelanxo Prado e que levará a cidade de Santiago de Compostela a máis de douscentos participantes e dez mestres convidados, entre eles o propio Munehiro Ikeda.

A mostra recolle reproducións a gran escala dunha selección dos debuxos realizados por Munehiro Ikeda na súa obra El Camino de Santiago en España realizado nos anos 1983-1984. O exemplar orixinal forma parte da exposición permanente do Museo das Peregrinacións e de Santiago.

Camiño e cidade constitúen o groso do contido temático deste Museo das Peregrinacións e de Santiago pero son ao mesmo tempo unha fonte inesgotable de inspiración para a creación artística contemporánea.

Munehiro Ikeda realizou o Camiño de Santiago en períodos de tempo distintos ao longo destes anos. Esta guía do Camiño foi elaborada durante o seu percorrido en follas de papel xaponés dobradas, pregadas e encadernadas a maneira tradicional xaponesa.

Trátase dun autentico libro de viaxe dedicado á descrición do Camiño de Santiago. Mostra de xeito pictórico o percorrido dende Somport ata Fisterra sinalando o trazado, as cidades, pobos, vilas, restaurantes, centros ou lugares de interese, etc...xunto con comentarios diversos. Inclúe debuxos de esculturas e relevos de moitas das igrexas do camiño, especialmente da catedral de Santiago. Nas últimas follas aparecen numerosas e diferentes asinas e selos de institucións e concellos por onde foi pasando ao longo do Camiño.

Galería

  • Imaxe da exposición