Museos de Galicia

Do 24 de maio ao 15 de outubro de 2017 Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense. Historia e coleccións

Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense

Sala de Exposicións temporais do Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa. San Cibrao de Las.

Horario: De martes a domingo, de 10.00 a 18.00 h.

O obxectivo da exposición Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense. Historia e coleccións é, por un lado, achegar ao visitante á complexa historia do museo e ao seu longo devir durante case un século ata encontrar unha sede definitiva, e por outro, mostrar a variedade dos seus fondos dentro do marco xeográfico, histórico e cultural da provincia de Ourense. En consecuencia, coa difusión e a divulgación como base, preténdese dar a coñecer esta institución, as súas coleccións e as súas tarefas de investigación, documentación e conservación co fin de preservar a memoria colectiva.

Unha parte da exposición dedícase á historia do museo dende a súa creación pola Comisión Provincial de Monumentos en 1844, cunha traxectoria lastrada sempre pola carencia dunha sede propia, o que obrigou a desprazarse por diferentes edificios, o antigo Colexio de San Fernando (Xesuítas), o Convento de Santo Domingo e o Centro provincial de Instrución ‒dende 1896‒, ata que en 1951 o estado compra o Pazo do Bispo para convertelo en sede do museo e como tal foi ocupado ata o 2002, ano en que quedou sen usos museísticos, debido a que o crecemento das coleccións, as novas necesidades museográficas e a ampliación dos servizos prestados polos museos facían obrigatoria unha reforma e rehabilitación do edificio.

A maior sección desta mostra ten como obxectivo proporcionar unha visión panorámica da evolución histórico cultural de Ourense na que a colección do museo permite facer un percorrido que vai dende o Paleolítico, pasando polo Megalitismo, a cultura castrexa ou o mundo galaico-romano, ata a arte do século XX. Non só se estudan os principais xacementos arqueolóxicos senón que as pezas encontradas neles e outras moitas que foron ingresando co paso do tempo se converteron en fitos significativos que explican a nosa Historia e cuxa lectura e interpretación implican a recuperación do noso pasado, dos nosos costumes e formas de vida.

En definitiva, en sesenta e cinco paneis con textos e imaxes condénsase boa parte do labor de conservación deste museo, das súas coleccións e polo tanto de Ourense na Historia.