Ir o contido principal

Marcelo Macías Mostra que conmemora o 175 aniversario do nacemento do impulsor do museo

Retrato de Marcelo Macías

No 2018 cúmprese o 175 aniversario do nacemento dunha figura referente en Ourense na última década do século XIX e o primeiro terzo do XX, Marcelo Macías García. Unha personalidade que abarcou diferentes facetas entre as que cabe destacar as de historiador, profesor e conservador do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, ademais do que poderiamos chamar "animador cultural".

O obxectivo desta exposición é dar a coñecer máis polo miúdo o amplo labor realizado por Marcelo Macías no seu tempo e lugar, e transversalmente o dos seus contemporáneos, preludio e fundamento de movementos anovadores posteriores como o denominado Grupo NÓS, e sobre todo para dedicarlle esta merecida mostra temporal ao que foi o seu mentor institucional.

A exposición pretende mostrar as diferentes facianas da súa personalidade e actividade. Este crego, historiador, epigrafista, numismático e mestre, amais de ilustre ourensán de adopción e pioneiro da arqueoloxía na provincia, desempeñou, desde finais do século XIX e durante as primeiras décadas do XX, o papel de dinamizador cultural na cidade das Burgas. De feito, o seu inxente traballo xerou un substrato fértil para a renovación cultural impulsada pola Xeración Nós a partir dos anos vinte do século pasado.

O Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense comprácese en presentar esta exposición sobre quen foi o seu mentor e deu nome á asociación de colaboradores do Museo e Arquivo, encargada da edición, entre outras publicacións, do Boletín Auriense, continuador do traballo emprendido polo Boletín da Comisión Provincial de Monumentos de Orense.