Ir o contido principal

Inauguración: 12 de novembro de 2015 Luis González Palma. Constelaciones de lo intangible Comisario: Alejandro Castellote

O universo de Luis González Palma (Guatemala, 1957) está formado por constelacións temáticas que orbitan ao redor da súa obra nun ciclo de permanente ida e retorno. A identidade e a memoria —eixos das súas primeiras series fotográficas— son abordados desde o retrato con persistentes ecos á pintura relixiosa, ao barroco e ao prerrafaelismo. Outras temáticas que sobrevoan o seu traballo son a introspección, a intimidade, a reflexión sobre o poder e a representación do non visible: “o que non se ve cando se mira, o que non se di cando se fala”. En realidade, toda a súa obra é unha reflexión sobre a mirada, que interroga a historia e a condición humana.

Luis González Palma utiliza unha sinfonía de solucións formais que son, segundo as súas palabras, “un intento de darlle corpo aos fantasmas que gobernan as relacións persoais, as xerarquías relixiosas, a política e a vida”. Para iso sérvese de elementos prestados do teatro e da imaxinaría católica, de códigos cinematográficos e recursos que proveñen da arquitectura, a danza, a música ou as técnicas antigas da fotografía. Na súa última serie, o minimalismo xeométrico sobreponse aos suxeitos que protagonizaron as súas primeiras obras, facendo convivir as dúas correntes antagónicas que marcaron a arte latinoamericana durante o século xx: a figuración e a abstracción.