Museos de Galicia

Do 22 de xuño ao 8 de outubro de 2017 Lugar: continxencias de uso

Sofía Táboas, Patricia Esquivias & Luciana Lamothe

Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC)

Comisaria: Susana González

O proxecto Lugar: continxencias de uso examina o traballo de tres artistas: Sofía Táboas, Patricia Esquivias e Luciana Lamothe, de nacionalidade mexicana e orixe galega, española de orixe venezolana e arxentina, respectivamente. O universo temático dos proxectos das tres artistas desenvolverase no ámbito da cidade contemporánea e a arquitectura. Asemade, as obras presentadas terán como denominador común a promoción de actos que interpelen distintos contornos arquitectónicos concretos. Para iso, os traballos mostrados corresponderán á revisión das obras levadas a cabo durante os últimos anos xunto co desenvolvemento dun proxecto específico realizado para a mostra. Do mesmo xeito, a exposición pretende achegar unha pincelada do panorama artístico latinoamericano como elemento fundamental no diálogo artístico actual.

Sofía Táboas, membro activo da renovación da arte mexicana dos noventa, propón un traballo obxectual emparentado coa arte povera e a minimal, na que subxace o seu interese constante e continuado pola investigación de conceptos como o espazo e a paisaxe, así como a relación existente entre o natural e o artificial. As súas intervencións artísticas reflexionan sobre a percepción, o tránsito de lugares e as distintas formas de habitar un espazo.

Patricia Esquivias centra o seu interese na arquitectura popular, a partir das persoas e as culturas que a habitan, por medio de feitos e historias persoais e a través de proxectos integrados por ensaios informais, anotacións persoais e pequenos relatos. O seu traballo cuestiona o papel das artes no ámbito arquitectónico, ademais da autoría artística, a modernidade e a arquitectura como ferramentas para a construción colectiva.

A tradición xestual de Luciana Lamothe, próxima ás estéticas da década dos noventa, formula unha noción de integración público-industrial que se remonta aos preceptos vangardistas do construtivismo. Para iso, pon de manifesto a súa intención de lle demandar unha acción ao espectador como aspecto imprescindible para que a obra chegue a cobrar outra dimensión, cumprindo o seu imperativo de ton modernista: a forma segue sempre á función.