Do 27 de setembro do 2019 ao 12 de xaneiro do 2020 In landscape mode

Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC)

Christian Villamide (Lugo, 1966) reflexiona nesta mostra acerca desa distancia que as persoas adoitamos tomar fronte ao territorio que habitamos para poñer o foco sobre a forza e a violencia coa que sometemos a natureza.

Sabemos que o termo paisaxe é unha construción cultural que parte daquilo que vemos ao contemplar un territorio. O artista fala da paisaxe actual desde a escultura e a instalación, visibilizando escenarios ou non-lugares que chegamos a ocultar como sociedade. Fala “do que tamén é paisaxe” nesa tensión entre a forza da natureza, en continuo cambio, e a súa relación co ser humano. Pon de relevo o conflito no que a economía capitalista está a someter a natureza e o coñecemento en prol da especulación, inducindo e connotando un mundo de pobreza e destrución enerxética e ecolóxica. Destapa elementos naturais agochados (e afogados) baixo o efecto do ser humano, ironiza sobre aqueles espazos naturais case prefabricados, acoutados, que semellan un ornamento inmellorable nas novas cidades etiquetadas como sostibles. Reflexiona tamén sobre as novas tendencias completamente artificiais, nas que “vivir unha experiencia única na natureza” se torna nunha clase de peregrinación de masas na procura da mellor instantánea. Christian Villamide fai unha chamada á autocrítica. Que está nas nosas mans para non sermos cómplices deste sistema opresivo cara á natureza?

Desde unha linguaxe plástica e visual multidisciplinar, Villamide evoca e provoca, nunha perfecta simbiose entre ética e estética, nesa acción de contemplar, tan propia do Romanticismo, na procura do sublime; pero desde un punto de vista analítico, partindo nesas derivas case situacionistas, nas que camiñar, como práctica estética, xa constitúe unha forma de construír paisaxe. Materiais naturais, mesmo orgánicos, mestúranse con elementos industriais, que oprimen, condicionan ou dirixen, nunha reflexión sobre a acción ineludible do home. E, permeable a toda a historia da land art, Christian Villamide tamén intervén na propia natureza; cada obra rexistra así a pegada dun percorrido, dun exercicio físico, mental e intelectual na natureza, dunha inmersión crítica e estética na paisaxe para coñecer e recoñecer, para crear efecto desde o afecto.

Galería

  • In landscape mode

  • In landscape mode

  • In landscape mode