Ir o contido principal

Do 7 de novembro do 2015 ao 15 de xullo do 2016 José Guitián. Fotógrafo en Compostela, 1950-1980

Guitián é un dos composteláns que máis e mellor sentiu a vida compostelá. Viuna pasar cada día ante o obxectivo da súa cámara durante máis de catro décadas, desde finais dos anos corenta ata a súa xubilación en 1989.

Formado con fotógrafos locais da talla de Ksado e Almeida, a primeiros dos anos cincuenta comeza a traballar de xeito autónomo montando o estudio Foto Guitián, que lograría gran sona. Especializado no retrato e a fotografía científica, dedica tamén tempo a deixar en imaxes a cidade mesma -aí está a súa famosa serie de nocturnos-, as súas xentes e os seus costumes. Pola súa cámara pasa, xa que logo, a evolución urbana e humana compostelá da segunda metade do século XX.

A nova andaina do Museo das Peregrinacións e de Santiago na súa nova sede da Praza de Praterías iníciase con este xusto homenaxe coa obra de Guitián, en gran parte recuperada grazas a esta mostra, e coa propia cidade de Santiago, que non podía permitirse o luxo de deixar sen positivar para o presente e o futuro unha crónica en imaxes de semellante proporción.