Do 22 de novembro do 2019 ao 1 de marzo do 2020 Jesús Madriñán

Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC)

Jesús Madriñán (Santiago de Compostela, 1984) é unha das miradas fotográficas máis incisivas do panorama actual. A súa obra centrouse fundamentalmente nunha reinterpretación do retrato entendido como un elo intermedio entre o xénero psicolóxico e o arquivo de tipoloxías. As súas diversas series abordaron aspectos da noite festeira en grandes cidades europeas ("Good Night London", 2011, ou "Dopo Roma", 2016) ou no medio rural ("Boas noites", 2013). A súa maneira de traballar é moi minuciosa e precisa, utiliza a cámara de gran formato e a película analóxica, o que fai máis complexo un traballo que se asocia á rapidez da reportaxe.

Este proxecto, froito da colaboración entre Xacobeo e CGAC, formúlase como unha renovación e actualización da mirada sobre a realidade do Camiño de Santiago e os seus peregrinos.

“Como compostelán, o Camiño de Santiago estivo sempre estreitamente ligado a min. Desde que nacín, fun consciente dese ir e vir de persoas chegadas de todas partes do mundo que foron moldeando o que hoxe en día é Santiago, e esa ruta vertebradora de historias e culturas que é o Camiño. Esta realidade que me rodea, entendida como parte esencial do tecido social e cultural do lugar no que vivo, é o eixe deste novo proxecto, un proxecto que toma o Camiño como campo de acción onde crear unha colección de fotografías que capte a esencia dunha época, dun momento no tempo.

A modo de diario, o proxecto xorde da miña propia experiencia como un peregrino máis, capturando identidades a medida que estas vaian formando parte dos meus días camiñando. A través delas pretendo rexistrar a diversidade e a tolerancia presentes na actualidade e, por extensión, tamén no Camiño, testemuña de novas xeracións florecentes e renovadoras que, a pesar de todo, deciden emprender esta secular viaxe desde o respecto, a espiritualidade e o progreso”.

Ligazóns