Do 16 de abril ao 23 de xuño do 2019 Inmaterial. Patrimonio e memoria colectiva

Exposición de fotografías históricas sobre o patrimonio inmaterial.

Museo das Peregrinacións e de Santiago

Esta exposición é un evocador percorrido polas orixes do patrimonio inmaterial, a través de 93 instantáneas dalgúns dos fotógrafos documentalistas españois e estranxeiros máis importantes da historia. Os autores que están representados son os seguintes: Jean Laurent (fotografías de 1860 e 1886), Mariano Moreno (1892-1925), Baltasar Cue (1891-1894), Aurelio de Colmenares y Orgaz, Conde de Polentinos (1894-1935), Pedro Ibarra (1858- 1934), Eustasio Villanueva Gutiérrez (1913-1929), Otto Wunderlich (1914-1933), Juan Miguel Pando Barrero (1915-1992), António Passaporte (1927-1936), Luis Escobar López (1920-1960) e Cristina García Rodero.

As fotografías, procedentes dos importantes fondos do Instituto de Patrimonio Cultural de España e outras institucións, trasladan a situacións do pasado que hoxe seguen resultando comprensibles. A través delas é posible rastrexar e imaxinar os coñecementos técnicos necesarios para unha actividade laboral, sentimentos afectivos ou lúdicos, ou as regras sociais que rexeron as relacións humanas.

A exposición está comisariada por Antonio Muñoz Carrión e María Pía Timón Tiemblo, e producida polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte (Subdirección Xeral de Promoción das Belas Artes, Instituto do Patrimonio Cultural de España, Subdirección Xeral de Museos Estatais).

Do 14 ao 17 de abril tivo lugar en Santiago o XIV Congreso da Sociedade Internacional de Etnoloxía (SIEF) baixo o lema Track Changes: Reflecting on a Transforming World. Na súa organización participaron activamente as universidades de Santiago, A Coruña e Vigo, en colaboración co Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit-CSIC). Tras a solicitude de colaboración do Museo por parte da coordinación do congreso, xurdiu a acollida desta mostra, producida polo Ministerio de Cultura.

Galería

  • Inauguración da exposición