Ir o contido principal

Do 11 de abril a finais de maio Il cammino di Francesco. Fotografías de Steve McCurry

Il Cammino di Francesco

Con motivo da celebración do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela, a Axencia de Turismo de Galicia, a través da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, organiza, xunto coa Comune di Rieti (Lazio, Italia), unha exposición sobre o itinerario vital e espiritual do santo de Asís titulada “Il cammino di Francesco. Fotografías de Steve McCurry”, composta por medio cento de fotografías.

O seu autor, Steve McCurry (Darby, Pennsylvania, 1950) é un fotoxornalista estadounidense de sona internacional polo seu traballo como fotógrafo de guerra e polas súas reportaxes para National Geographic. Recibiu numerosos premios e recoñecementos, ademais de ser o autor dunha das fotografías máis coñecidas das últimas décadas, o retrato dunha moza afgá que foi portada da revista National Geographic en 1985.

O camiño de San Francisco é un camino de peregrinación que recrea as experiencias deste no Val de Rieti, preto de Asís e La Verna, unha das súas tres patrias. Desenvólvese a través dun fermoso val, rodeado de outeiros e montañas, que era por entón coñecido como o Val Sagrado. San Francisco escolleu este val como escenario de tres episodios fundamentais da súa vida: en 1223 montou o primeiro Belén no Nadal dese ano, realizado en arxila, para explicar como foi o nacemento de Cristo; o mesmo ano escribiu a Regra definitiva da Orde e, probablemente, compuxo o himno Cántico das Criaturas. O Camiño denominado de San Francisco é o camiño que o Espírito realiza neste Val Sagrado a través deses camiños e carreiros que San Francisco amaba.