Do 24 de abril ao 29 de xuño do 2014 Dionisio Tasende: De homes... e mulleres. Fotografías 1955-1979

Museo de Belas Artes da Coruña

Esta retrospectiva sobre a obra de Dionisio Tasende non só afonda no coñecemento e no estudo da historia da fotografía galega, ao permitir achegarnos a un extenso e representativo catálogo das súas imaxes inéditas, senón tamén supón unha primicia e un acontecemento único no panorama fotográfico nacional e internacional, por tratarse da primeira vez en que se exhibe publicamente a súa obra, facendo por fin xustiza a un dos grandes e máis descoñecidos fotógrafos galegos.

Dionisio Tasende (A Coruña, 1918 – 2010) descubriu a súa afección á fotografía aos 14 anos de forma intuitiva e autodidacta. As imaxes fotográficas foron marcando momentos decisivos da súa vida, e a fotografía converteuse na súa gran paixón, á que se dedicou con tesón e paciencia.
Pertenceu á xeración de fotógrafos que nos anos 50 formaron a Sociedad Fotográfica de La Coruña, da que foi membro fundador e tesoureiro, conseguindo os obxectivos de organizar salóns fotográficos nacionais e internacionais, e a realización de actividades cara á divulgación da fotografía.

Dionisio Tasende camiñaba de forma infatigable coas súas cámaras ao ombro, buscando unha e outra vez as luces do amencer e os seus efectos de contraluz. Grande observador das persoas no seu ambiente e contorno natural, cultivou o retrato de escenas espontáneas, captadas no seu momento preciso con rapidez e anticipación, grande expresividade, riqueza de matices e sentido da composición. Unha vez no seu laboratorio, investigaba con distintas técnicas, revelando e positivando as súas fotografías de forma lenta e pracenteira, pero con tenacidade e emoción.

Entre os anos 1955 e 1989 conseguiu máis de douscentos premios en concursos e salóns fotográficos nacionais e internacionais. En recoñecemento por ser unha figura clave na fotografía galega, en 1984 é invitado a expoñer dez fotografías na I Fotobienal Vigo84. En 1990 é seleccionado de novo para a IV Fotobienal Vigo90 con catorce fotografías.

En 1986 a Fédération Internationale de l’Art Photographique (FIAP), organización recoñecida pola UNESCO, concédelle a distinción Artista FIAP “en homenaxe á súa dedicación, aos seus traballos, a súa técnica no campo da arte fotográfica e en recoñecemento polos eminentes servizos prestados á causa da fotografía”.

A exposición intégrase no marco dunha vía de colaboración establecida dende fai anos entre o Museo de Belas Artes e o CGAI que atopa exemplos en mostras como a de Ruth Matilda Anderson ou a de Schmidt de las Heras, e baseada no desexo común de difundir e dar a coñecer a creación de fotógrafos históricos e contemporáneos, a través das súas obras máis destacadas, recompiladas e analizadas en completos e razoados catálogos, co fin de proporcionarlle ao conxunto da cidadanía un maior coñecemento das artes da imaxe.