Do 14 de marzo ao 20 de abril do 2014 Detrás da máscara

Igrexa da Madalena. Martes a venres de 11:30 a 13:30 h e de 17 a 19 h; sábados e domingos de 12 a 14 h

Museo Etnolóxico de Ribadavia

A exposición "Detrás da máscara" reúne 26 fotografías de Demetrio Monteagudo González, unha selección de libros sobre o Entroido dos fondos da Biblioteca do Museo Etnolóxico e catro traxes tradicionais de entroidos ourensáns.

Nas fotografías expostas, Demetrio Monteagudo González fai un percorrido polos entroidos máis singulares de Galicia. Entroidos protagonizados por personaxes que teñen nomes tan estraños que hai que pronuncialos para poder adentrarse neste territorio pagán. Uns máis coñecidos, como peliqueiros, boteiros e felos, e outros sorprendentes como as Bonitas de Sande, en Cartelle, a Patumada de Fornelos de Filloás en Viana do Bolo, o Zarramanculleiro de Cualedro, as Mázcaras da Xironda tamén en Cualedro ou o Oso de Salcedo, en Pobra de Brollón.

Entre as moitas teorías sobre a orixe e a simboloxía destes entroidos, o autor comparte a que os vencella ao espertar da terra despois do inverno. Chocas que chaman á terra, o oso que sae do seu tobo, paseos e bailes polas terras para fertilizalas antes da sementeira... ritos pagáns que a igrexa perseguía, que o franquismo prohibiu pero que se seguen a recuperar. Un patrimonio cultural de Galicia con similitudes noutros países europeos.

Demetrio Monteagudo González (Vigo, 1952) é un matemático afeccionado á fotografía con obra publicada na Gran Enciclopedia Gallega ou na revista Río, ademais de ter colaborado en publicidade empresarial. Fixo exposicións individuais no Centro Goianés (Goián), na Asociación Cultural «Eliseo Alonso» e na Casa do Libro (Vigo). É membro da Asociación Fotográfica Galega (Phosgalicia).

Neste enlace pode descargar o díptico promocional da exposición.