Museos de Galicia

Do 21 de decembro de 2016 ao 24 de setembro de 2017 Circa 70. Lírica e deformación no cambio de era

Museo Municipal de Vigo Quiñones de León

A exposición, comisariada polo director do Museo "Quiñones de León", José Ballesta de Diego, reúne obras de artistas galegos, que maioritariamente traballan en Galicia e especialmente en Vigo, ao redor de 1970.

O verdadeiro protagonista da mostra é o vigués José Frau, do que se presenta case a obra completa. Tamén atopamos outro gran paisaxista galego, Antonio Quesada, con algunhas das obras máis emblemáticas da súa carreira; así coma o seu irmán Xaime Quessada. Ademais, están ás aproximacións á natureza de pintores como Virxilio Fernández Cañedo, Xavier Pousa, González Pascual ou de escultores como Xoan Oliveira. Todos estes artistas se achegan á realidade en linguaxe figurativa, dende distintos ángulos e con diferentes sensibilidades.

Outra parte da exposición está dedicada á representación da figura humana con Agustín Pérez Bellas ou Sucasas, Mercedes Ruibal ou Ángel Sevillano e destaca a presentación, por primeira vez en décadas, da serie completa de tintas que o pintor Conde Corbal realizou en 1966 sobre obras de Valle Inclán.