Ir o contido principal

Carlos León. A orde das primeiras cousas

Carlos León

Esta exposición explora e vertebra algunhas das series máis recentes do pintor Carlos León (Ceuta, 1948). Indaga con especial interese nos xogos de relacións —plásticas e conceptuais— que se establecen entre o radical cuestionamiento de todo ilusionismo que propón a súa pintura e a práctica depurada dunha produción tridimensional.

Na obra de Carlos León conviven as formulacións puramente obxectuais e a instalación, que irrompe con inusitada forza e determinación nos seus últimos traballos. Ordenación musical de contrarios á que tamén fai referencia o título da exposición, A orde das primeiras cousas, en palabras do poeta Robert Duncan.

Desde os seus inicios, imbuído do espírito subversivo do grupo Supports-Surfaces, mediada a década dos setenta, até os desenvolvementos posteriores froito das súas prolongadas estadías en París e Nova York, a obra de Carlos León evidenciouse como unha das propostas fundamentais para comprender o proceso de ruptura que, operando desde o corazón mesmo da pintura, derivou as prácticas pictóricas cara a unha creba consciente do réxime de visibilidade e abriunas ao espazo baleiro dunha expresividade que extraviou o suxeito dos seus requirimentos, unha expresividade que traza —no plano desolado en que deveu o cadro— os rastros desa gozosa procura.