Do 18 de setembro ao 26 de outubro do 2014 Aproximacións 2014. Paisaxe e sustentabilidade na arquitectura contemporánea suíza

Museo de Belas Artes da Coruña

Esta nova exposición propón un achegamento á arquitectura Suíza, centrada na paisaxe e no desenvolvemento sustentable, en colaboración coa Embaixada de Suíza en España.

Elegancia, rigor, sobriedade, e perfección técnica son algunhas das características asociadas de forma habitual á arquitectura suíza. Sen renunciar necesariamente a elas, é evidente que a complexidade e diversidade de situacións as que se enfronta a arquitectura contemporánea demanda novas aproximacións, novas maneiras de avaliar a beleza e utilidade das formas.

Esta exposición itinerante pon en relación a arquitectura Suíza con dous conceptos que van mais alá do obxecto construído e a súa posible perfección formal e técnica. Para iso reúne pezas procedentes de dúas mostras que chegan por primeira vez a España. Por unha banda, “Swiss Positions: 33 takes on sustainable approaches to building”, presenta a través de excelentes fotografías unha visión complexa da cuestión do desenvolvemento sostible, afastada dos tópicos da arquitectura bioclimática, e, por outra, “The Swiss Touch in Landscape Arquitecture” que ofrece un percorrido pola tradición, a actualidade e o futuro da arquitectura da paisaxe no país helvético, campo de probas dalgunhas das máis interesantes investigacións recentes.

Dúas visións complementarias, marcadas pola conciencia ecolóxica, que demostran unha vez máis a riqueza e capacidade de innovación da arquitectura suíza, fonte inagotable de inspiración a nivel mundial. Con esta exposición o Museo de Belas Artes da Coruña continúa a súa aposta por manter na súa programación mostras dedicadas as diversas tendencias da arquitectura, neste caso en colaboración coa Escola de Arquitectura da Coruña e a Embaixada de Suíza en España.

Galería

  • Aproximacións 2014. Paisaxe e sustentabilidade na arquitectura contemporánea suíza

    Titan, ampliación do Museo histórico de Berna, do Estudo :mlzd. Foto de Alexander Gempeler

  • Aproximacións 2014. Paisaxe e sustentabilidade na arquitectura contemporánea suíza

    Ponte de Geninasca Delefortrie. Foto de Thomas Jantscher

  • Aproximacións 2014. Paisaxe e sustentabilidade na arquitectura contemporánea suíza

    Teleférico do estudo Bearth & Deplazes. Foto de Ralph Feiner