Ir o contido principal

Do 22 de abril ao 26 de xuño do 2016 Agrupar_Desagrupar: rupturas da representación

Comisario/a: Ángel Cerviño e Alberto González-Alegre

Artista: Jorge Barbi, Carme Nogueira, Simón Pacheco, Pamen Pereira, Isaac Pérez Vicente e María Ruido

Entre o despuntar de Atlántica e o xurdir da Facultade de Belas Artes de Pontevedra desenvólvese en Galicia o traballo dunha importante nómina de artistas de moi diferente procedencia académica e cos máis diversos horizontes estéticos e conceptuais. Nesa paréntese fecunda loitarán por ampliar a visibilidade da súa obra en condicións adversas nunhas terras de ninguén nas que sempre será dificultoso encontrar sinais de orientación e referencia. Arranca entón unha apaixonante diversidade de propostas e de nomes (por fin abundantes nomes de muller) tamén moi crecente en número se a comparamos coa xeración anterior. Esa apaixonante diferenza tivo un constituínte común que non era outro que a autoconciencia do feito artístico e da incontrolable contaminación de linguaxes. Foron as súas, rupturas da representación.

A relación de artistas que perfectamente poderían encaixar nesta proposta é bastante longa. Con todo, para este primeiro estudo que arranca en AGRUPAR_DESAGRUPAR a elección quedou definida nas obras e nos nomes de Jorge Barbi, Carme Nogueira, Simón Pacheco, Pamen Pereira, Isaac Pérez Vicente e María Ruido. O resultado será tan heteroxéneo e multifacético como o son as súas propias formulacións estéticas.

Unha versatilidade de linguaxes que quedará afirmada pola sedución das anotacións individuais e polo incremento sensible que provoca: o adelgazamento dos códigos e o crecer da dúbida, as incorporacións flagrantes do obxectual e do audiovisual, do discurso de xénero e da historia natural. Trátase de artistas que viñeron dun extravío, dun extravío que este tempo breve volveu significante.