Museos de Galicia

Do 7 de xullo ao 15 de outubro de 2017 Agion Oros. Peregrinación ao Monte Athos

Fotografías de Fernando Moleres

Museo das Peregrinacións e de Santiago

O Monte Athos constitúe a última teocracia occidental. Athos é a subpenínsula situada máis a oriente das tres linguas de terra da península Calcídica que se adentran no mar Exeo. Constitúe un territorio autónomo baixo soberanía grega que en realidade é unha república monástica dependente do patriarca ecuménico de Constantinopla en canto a xurisdición relixiosa e do goberno grego en canto ao político, pero gozando dun estatuto que lle outorga unha consideración especial.

A concentración tan elevada dos edificios relixiosos que alberga soamente é superada pola extraordinaria abundancia e riqueza de reliquias que custodia. Vinte mosteiros organizados dun xeito xerárquico, son propietarios do territorio peninsular no que se enclava outra gran cantidade de construcións relixiosas de distintas categorías que representan distintas formas de vida monacal ou eremítica. A importancia do patrimonio cultural harmoniza coa riqueza e o interese da paisaxe e do patrimonio forestal. Por todos estes valores o Monte Athos está incluído na listaxe de Bens Patrimonio da Humanidade da Unesco.

Este importante enclave ortodoxo no que o culto mariano adquire unha gran relevancia, vén funcionando desde a Idade Media como meta de peregrinación que atrae a fieis ansiosos de se achegaren a un mundo especial no que o tempo hai moito que deixou de andar.

A exposición pretende achegar o significado do Monte Athos e a peregrinación que ten lugar a algún dos múltiples mosteiros que se espallan por todo este territorio santo.

Fernando Moleres documentou estas tradicións centenarias en varias viaxes. Trátase dun fotógrafo e fotoxornalista nacido en Bilbao. En Nicaragua no ano 1987, no período sandinista, comezou a valorar a importancia da fotografía e a realizar proxectos fotográficos das súas frecuentes viaxes por moitos países do mundo. A súa fotografía conleva un posicionamento e un compromiso social.

Realizou múltiples exposicións. Unha delas, “Peregrinación á Xerusalén negra”, tamén no Museo das Peregrinacións e de Santiago, foi vista por preto de 17.000 visitantes durante o ano 2002. Recibiu múltiples premios e galardóns e as súas fotografías aparecen en multitude de publicacións nacionais e estranxeiras.

Galería

  • Cartel da exposición

  • Fotografía da exposición

  • Fotografía da exposición

  • Fotografía da exposición

  • Fotografía da exposición