Palloza Casa do Sesto

O museo

A palloza “Casa do Sesto” remóntase alomenos ata 1770 e foi vivenda habitual dos actuais propietarios ata o ano 1970. Dende 1989 permanece aberta ao público e no ano 2007 obtivo o recoñecemento da administración autonómica como colección visitable, de contido etnográfico. O obxectivo da palloza é dar a coñecer a forma de vida e a cultura tradicional desta zona de alta montaña, mantendo a estrutura primitiva destas construcións sen modificar nin alterar, e salvagardando no seu interior ferramentas e aparellos relacionados cos seus usos orixinais.

As pallozas, antigas vivendas de pedra con cuberta de colmo de palla de centeo, acollían tanto ás familias coma aos seus animais, e están deseñadas para adaptarse as necesidades dos seus moradores: por un lado, trátase dun espazo organizado para usos polivalentes, no que todo está xunto pero organizado. E por outro, é característica a súa capacidade para gardar a calor: están cubertas por unha capa de medio metro de palla impermeable e illante, mantendo unha temperatura constante.

Así, a palloza da Casa do Sesto responde a estas características: a estrutura da palloza de paredes de pedra e cuberta de palla de centeo distribúese nunha parte para o gando e outra para as persoas. Mantén os cuartos dedicados a dormitorios, a lareira, o forno e os cortellos tanto para gando maior coma menor.

As ferramentas e mobles conservados no interior son os empregados pola familia mentres a habitaba, non unha mera recompilación, senón os útiles necesarios para a supervivencia dunha familia de xeito autosuficiente.