Ir o contido principal

As Salas

As salas

Sala San Francisco

A actual exposición permanente do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense está situada na antiga igrexa da Orde Terceira no convento de San Francisco situado na rúa da Granxa (Campo de San Francisco). Baixo a denominación “Escolma de Escultura” ofrece un percorrido cronolóxico a través dos fondos mais representativos do museo en diversos materiais –pedra, bronce, madeira…-  dende a prehistoria ata a Idade Moderna.

Destacan pezas prehistóricas como a Estatua-menhir de Pedra Alta, estela da Idade do Bronce na que aparecen gravadas armas de defensa persoal e obxectos de prestixio e poder. Excepcionais son as pezas pertencentes á cultura castrexa: esculturas de guerreiros galaicos e sedentes así como elementos arquitéctonicos singulares como o Trisquel calado de Castromao (S. I a.C.-I d.C).

Do proceso de romanización de Gallaecia destacan bronces como a Tábula de hospitalidade de Castromao e o Mercurio de Vilar de Barrio, continuando a exposición con pezas que van dende os primeiros anos do cristiniasmo ata a Idade Moderna representada, entre outras, polos magníficos Taboleiros de coro realizados por Alonso Martínez Montánchez no século XVII para o Mosteiro de Santa María de Montederramo, con episodios da vida de Cristo.