Museo do Mosteiro de San Paio de Antealtares

O museo

O mosteiro de San Paio de Antealtares foi o primeiro que tivo a cidade de Santiago, posto que xurdiu no século IX por desexo de Alfonso II, quen fixo vir doce monxes benedictinos para custodiar as reliquias do Apóstolo. A finais do século XV serviría de primeira sede do Estudio Vello de Santiago, fundado por Lope Gómez de Marzoa, xermolo da actual Universidade de Compostela.

Accédese ao museo de Arte Sacra a través da igrexa do mosteiro. A exposición permanente divídese nas seguintes seccións:

Sección de ourivería, na que se amosan pezas desde o século XV ata o XX.

Sección de escultura, cunha mostra de escultura en pedra e en madeira. Dentro da imaxinería destaca un Cristo crucificado do Románico con características que revelan a transición ao Gótico e que se data no século XIII, e unha interesante exposición das diversas representacións da Virxe María, polo especial interese das monxas benedictinas na difusión do culto mariano.

Sección de diplomática, que expón documentos referentes á vida monástica e á historia do mosteiro. Esta sección complétase coa existente no arquivo, que custodia documentación dende o século X.

Sección de pintura, que acolle moitos óleos de temática relixiosa relativos na súa maioría á orde benedictina.

Sección de ornamentos litúrxicos, unha interesante mostra de casullas, capas pluviais, estolas e dalmáticas, principalmente dos séculos XVII e XVIII.

Sección de pezas especiais. Nesta sección pode verse o primitivo altar do Apóstolo Santiago composto por unha ara de mármore e un pé semicilíndrico. 

Galería