Do 16 de xullo ao 20 de xullo do 2018 - 10:00h Talleres de lecer

Obradoiros artísticos para o mes de xullo

Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC)

Na edición 2018 dos Talleres de lecer, o CGAC programa obradoiros destinados tanto ao público máis novo como ao adulto. Para desenvolver as actividades aproveitaranse espazos da arquitectura de Álvaro Siza e da contorna, como a cuberta do edificio, os xardíns do parque de Bonaval e as rúas de Compostela.

 

Programa

Verde é vídeo. Taller audiovisual - 2 ao 4 de xullo 

Dirixe: Alberto Vázquez e Carina Moreira (Asociación Espacio Rojo), educadores e artistas

Idade: de 10 a 12 anos

Prazas: 15

Este taller pretende achegarlles aos nenos e ás nenas que participen un coñecemento básico da creación audiovisual e do concepto de retrato. Trataranse estes temas a partir do corpo como paisaxe e metáfora, como creación do eu e do outro. Traballarase desde a natureza propia do vídeo a noción do tempo e a súa manipulación, a representación da realidade e a ilusión óptica.

 

Atención equilibrio! Taller de escultura - 5 e 6 de xullo

Dirixe: Mirari Urruzola, artista e educadora

Idade: de 4 a 6 anos

Prazas: 15

Partindo da obra de artistas do noso tempo, como Antony Gormley e Lygia Clark, o taller propón unha aproximación á plástica tridimensional desde diferentes ópticas, ademais de traballar con conceptos básicos, como o volume e o equilibrio. O uso do propio corpo serve de ensaio e de bosquexo para modelar despois a materia. Estudarase a figura humana de xeito individual e cando forma grupos e multitudes. Empregaranse diferentes elementos para traballar a ensamblaxe, como caixas de mistos, convertidas en módulos para a construción de pezas con volume, ocos, cores e formas diversas.

 

Polas nubes. Taller urbanístico - 10 ao 13 de xullo 

Dirixe: Lara Torres, educadora e artista

Idade: de 7 a 9 anos

Prazas: 15

O taller parte de En construción, unha mostra do CGAC na que se reflexiona sobre a arte e a arquitectura ao longo do século XX. Estudaranse as obras de trece artistas que crean arredor da relación co espazo, a paisaxe e a casa, conversando sobre elas.

 

Facer dúas veces. Taller de acción - 16 ao 20 de xullo 

Dirixe: Fermín Jiménez Landa, artista

Prazas: 15

Para artistas, estudantes de Belas Artes, estudantes ou profesionais das artes escénicas, antropoloxía, socioloxía ou calquera persoa interesada na temática proposta. Un taller no que os participantes terán a oportunidade de repetir obras míticas de acción da historia da arte contemporánea polas rúas de Compostela, poñendo en práctica a bricolaxe artística colectiva. A proposta busca darlle unha segunda vida a diversas accións que xiran arredor de reflexións sobre a vida cotiá, dos ritos, do temporal, do procesual, do ausente, do presente, das convencións e dos límites no espazo público ou da convivencia nas cidades.

Todos os talleres son de balde e as solicitudes de inscrición poderán presentarse a través do enderezo electrónico cgac.pedagogía@xunta.gal

Lugar de celebración

Centro Galego de Arte Contemporánea (Santiago de Compostela)