Do 28 de marzo ao 29 de marzo do 2020 - 11:00h Taller experimental de arquitectura contemporánea MIES É +

Dedicado a 'Alejandro de la Sota. Bloques lóxicos'

Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC)

O CGAC (Centro Galego de Arte Contemporánea) presenta a quinta edicion deste ciclo de talleres dedicado á arquitectura contemporánea e dirixido ao público infantil. Este ano pecharán de novo o programa cun obradoiro dirixido ás familias.

 

Os talleres, que teñen lugar a última fin de semana de cada mes en horario de 11:00-13:00h, desenvólvense baixo a dirección do arquitecto Fermín Blanco co apoio do equipo didáctico do Sistema Lupo.

 

O seu obxectivo é proporcionarlles aos nenos e nenas as ferramentas e as claves precisas para interpretar a arquitectura do noso tempo a través das teorías, os proxectos e os traballos dos arquitectos e arquitectas máis importantes dos últimos tempos. Os temas serán tratados transversalmente, empregando a arquitectura como fío condutor e valéndonos de diferentes figuras do contexto arquitectónico para introducirnos en mundos creativos a través do seu pensamento.

 

 

PROGRAMA:

OUTUBRO. Balkrishna Doshi. A universalidade do local

Sábado, 26 de outubro. Para nenos e nenas de 6 a 8 anos

Domingo, 27 de outubro. Para nenos e nenas de 9 a 11 anos

Prazas: 12 / Prazo de inscrición: do 14 ao 25 de outubro

Desde a India, Doshi desenvolve unha traxectoria vinculada ao estudo da arquitectura vernácula. Unha obra universal que parte do estudo do ámbito local.

 

NOVEMBRO. Zaha Hadid. Deconstruímonos en equipo

Sábado, 23 de novembro. Para nenos e nenas de 6 a 8 anos

Domingo, 24 de novembro. Para nenos e nenas de 9 a 11 anos

Prazas: 12 / Prazo de inscrición: do 11 ao 22 de novembro

A sempre controvertida obra de Hadid supón un desenvolvemento formal. Analizaremos a súa evolución desde os primeiros proxectos teóricos ata a súa última fase, onde a obra se depura transformándose nunha arquitectura única e expresiva.

 

XANEIRO. Bruno Zevi. A linguaxe da arquitectura moderna

Sábado, 25 de xaneiro. Para nenos e nenas de 6 a 8 anos

Domingo, 26 de xaneiro. Para nenos e nenas de 9 a 11 anos

Prazas: 12 / Prazo de inscrición: do 13 ao 24 de xaneiro

Os escritos de Bruno Zevi, mestre da interpretación e da análise da linguaxe arquitectónica, servirán de conexión entre Estados Unidos e Europa. A través das súas invariantes da arquitectura moderna creará as bases para unha nova arquitectura onde moitos autores atoparán un faro guía dos novos tempos.

 

FEBREIRO. Lilly Reich. Deseño e arquitectura

Sábado, 22 de febreiro. Para nenos e nenas de 6 a 8 anos

Domingo, 23 de febreiro. Para nenos e nenas de 9 a 11 anos

Prazas: 12 / Prazo de inscrición: do 10 ao 21 de febreiro

Deseñadora de mobiliario, creativa, desenvolvedora de deseños industriais, parte activa da Bauhaus e estreita colaboradora de Mies van der Rohe (baixo cuxa sombra permaneceu durante décadas), a figura de Lilly Reich está redescrubríndose nos últimos anos; e é que, con Lilly, Mies é máis.

 

MARZO. Alejandro de la Sota. Bloques lóxicos

Sábado, 28 de marzo. Para nenos e nenas de 6 a 8 anos

Domingo, 29 de marzo. Para nenos e nenas de 9 a 11 anos

Prazas: 12 / Prazo de inscricion: do 16 ao 27 de marzo

A obra de De la Sota está ligada aos procesos lóxicos e á busca da esencia en arquitectura. Un interese que desenvolve ao longo da súa traxectoria tratando de depurar as respostas a cuestións universais. Lonxe do capricho e da exclusividade, propón unha arquitectura esencial, seriada e lóxica.

 

ABRIL. Wang Shu e Lu Wenyu. Reutilización. Máis vidas que un gato

Sabado, 25 de abril. Para nenos e nenas de 6 a 8 anos

Domingo, 26 de abril. Para nenos e nenas de 9 a 11 anos

Prazas: 12 / Prazo de inscrición: do 13 ao 24 de abril

A parella chinesa achéganos a unha arquitectura baseada na recuperación de materiais. Inmersos nun país en transformación, onde a escala se fai inabarcable e os procesos se aceleran, en ocasións de xeito incontrolado, a súa aposta por alongar o ciclo de vida dos materiais é un posicionamento ético, un manifesto ante a época e as circunstancias que lles tocou vivir.

 

OBRADOIRO ESPECIAL PARA FAMILIAS

MAIO. Diébédo Francis Kéré. Conexión humana

Sábado, 30 de maio. Para familias con nenos e nenas de 6 a 8 anos

Domingo, 31 de maio. Para familias con nenos e nenas de 9 a 11 anos

Prazas: 12 / Prazo de inscrición: do 11 ao 22 de maio

A traxectoria de Kére en Burkina Faso remítenos ás esencias da profesión, vincúlanos ao ser humano e ao poder da comunidade. A súa obra, estreitamente ligada ao material, ás técnicas e á participación comunitaria, descóbrenos un modo de exercer a arquitectura que nos conecta co terreo e coas súas xentes.

 

INSCRICIÓN
Todos os talleres son de balde. As persoas interesadas poderán inscribirse, dentro dos prazos establecidos, a través do enderezo electrónico cgac.educacion@xunta.gal indicando os seguintes datos: nome completo e idade dos participantes, número de teléfono, enderezo electrónico e nome do taller ao que desexan asistir. Poderase inscribir un máximo de dous participantes mediante cada solicitude. As prazas cubriranse por orde de inscripción. As persoas solicitantes recibirán unha notificación por correo electrónico.

 

 

Lugar de celebración

Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) (Santiago de Compostela)