13 de decembro - 20:00h Peza do mes: Muíño circular do Conxunto arqueolóxico-natural de Santomé (Ourense)

Presentación pública e conferencia para afondar no coñecemento dunha peza pertencente ao fondo arqueolóxico do Museo

Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense

A utilización de muíños para procesar o gran de cereais e a súa conversión en fariña están documentadas desde o Neolítico. No que atinxe á orixe do muíño rotatorio circular, hai que buscala na cultura ibérica a partir de finais dos século VI a. C., estendéndose rapidamente polo leste da Península, aínda que foi motivo de controversia entre os historiadores a data de introdución deste muíño na cultura castrexa do NW.

O tipo de muíño circular ao que pertence a peza obxecto de estudo non presenta ningún resto de entalle ou protuberancia que facilite o sistema de enganche para facelo xirar, polo que é de supor que o movemento rotatorio se realizaría directamente coas mans, ou servíndose dalgún outro trebello.

A peza obxecto de análise documentouse na campaña de escavación realizada no ano 2003 no recinto superior do castro do Conxunto Arqueolóxico-Natural de Santomé (Ourense), nunha estrutura que forma parte dun entramado arquitectónico, e descubriuse asociado a outro de características semellantes xunto a unha gran cantidade de fragmentos cerámicos, que despois do proceso de restauración se concretaron en catro recipientes que funcionarían como grandes contedores, previsiblemente de cereais. Os muíños atopáronse na súa posición orixinal, perfectamente asentados e nivelados no piso por medio de cuñas de tegulae.

Coma cada mes, o museo fará unha presentación pública, na que a peza será tratada dun xeito pormenorizado, afondando no seu contexto e características, posibles datas, filiacións, etc. na procura da revalorización do obxecto.

Ademais da súa presentación pública, edítase un folleto na web do museo (www.musarqourense.xunta.es) no que mensualmente un especialista ou investigador da a coñecer a historia particular, o contexto histórico e as características formais e de estilo da peza.

A presentación, neste caso, correrá a cargo de Xulio Rodríguez González, director do Museo Arqueolóxico.

A peza permanecerá exposta todo o mes na Sala da exposición "Escolma de escultura" en San Francisco (Ourense). 

Acceso gratuíto.

Lugar de celebración

Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense (Ourense)

Galería

  • Detalle da peza protagonista da Peza do Mes de decembro

    Detalle da peza protagonista da Peza do Mes de decembro