Do 18 de outubro do 2017 ao 23 de maio do 2018 - 19:00h Os corpos do cinema

Curso de cinema no CGAC

Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC)

Os corpos do cinema é unha reflexión sobre a figura e a súa relación cos espazos no medio audiovisual. Baixo este pretexto, proponse unha análise de como o corpo transita en diferentes contextos cinematográficos, ben desde unha perspectiva de xénero (comedia, musical, western...), de cineastas (Jacques Tati, Michelangelo Antonioni, Béla Tarr, Leos Carax...) ou de narrativas e espazos diversos (personaxes errantes, a cidade, a estrada, a adolescencia, lugares distópicos...).

Cineastas como Stanley Donen, Michelangelo Antonioni, Béla Tarr, Leos Carax, Kelly Reichardt, David Cronenberg, Monte Hellman, Louis Malle ou John Hughes; e performers (algúns deles tamén cineastas) como Jacques Tati, Jerry Lewis, Dennis Lavant, Takeshi Kitano, Louis C.K., Gene Kelly, Buster Keaton, Zhang Ziyi ou os Daft Punk servirán de guía neste curso, que quere trazar un breve itinerario polo movemento, o tránsito e a transformación no cinema. Do gag á introspección de certo cinema oriental, do musical ao cinema de acción ou de artes marciais, da precisión marcial do loitador á inocencia lúdica do clown, da carnalidade do actor á nostalxia da carne do cyborg, da comedia adolescente á traxicomedia da madurez, da vagabundaxe urbana á mística dos espazos abertos no western ou a road movie. 

Os corpos do cinema é unha actividade organizada polo CGAC e o Cineclube de Compostela.
 

 

Lugar de celebración

Centro Galego de Arte Contemporánea (Santiago de Compostela)