23 de novembro - 20:00h Miradas Etnográficas 7: Viaxes excéntricas

Cine no Museo Etnolóxico todos os sábados de novembro

Museo Etnolóxico de Ribadavia

Este 2019 vaise levar a cabo a sétima edición deste ciclo de cinema: Miradas Etnográficas, todo un clásico xa nas actividades do Etnolóxico.

Cada ano, no tempo de outono, e coa colaboración loxística do Cineclube Padre Feijoo de Ourense, búscase contribuír á difusión das producións de contido etnográfico ou sociolóxico, con especial atención ao documental galego. Proxectaranse catro filmes, baixo o denominador común de ofrecer unha mirada ao pasado no presente.

O lema xeral son as viaxes excéntricas. Estas xogan coa xeometría, escapando da simetría e multiplicando os diferentes centros de interese. Poden chegar a destinos imprevistos, a realidades que superan o propio inicio do periplo, e obrigan a trazar novas hipérboles que achegan experiencias imprevisibles, pero que ao mesmo tempo poden resultar inesquecibles.

Hai que afastarse moitos anos e miles de quilómetros para identificar de xeito definitivo as identidades pasadas: anularse, case, na fin de todo, para reintentalo outra vez. Para empezar polo alfa. Para sentir.

Ocorre nos cinco días de Kepa Junquera polo atlas dos entroidos da Galicia do Sur; nas dúas experiencias de Ruth Mathilda Anderson pola Galicia dos anos XX do pasado século, encargadas polo Hispanic Society de Nova York;  nos anos enchidos polo fotografo Baldomero Pestana, que marcha con 5 anos e regresa cando ten 90; na inmersión de Iban del Campo, viaxeiro accidental e curioso, nas procelosas augas do máis primario e agochado do ser humano.

Así que calculamos rumbo, escrutamos o tempo e movémonos pola escuridade do pasado. A lingua, a música, a imaxe e a palabra como resorte do patrimonio e como motor de identidade e alicerce da rebeldía. E descubrimos, unha vez máis, que estamos de volta no inicio da viaxe.

Tomen asento e sexan benvidas a estas Viaxes Excéntricas, benvidas á sétima edición do Ciclo de Outono no Museo Etnolóxico de Ribadavia. Este é o programa:

Sábado 9. A VIAXE DE RUTH

Dir. Jaime Pardo e Xose Reigosa (España, 2018) 55 min.

Entre o 1924 e 1926, a fotógrafa americana Ruth Matilda Anderson viaxou dúas veces a Galicia en nome da Hispanic Society de Nova York. Nesas viaxes tirou arredor de 5.500 fotografías de gran calidade, o que a xuízo dalgúns entendidos non ten parangón con ningún outro traballo da época. Realizaremos unha toma similar á das súas instantáneas para descubrir canto cambiou Galicia en 100 anos.

Sábado 16. A IMAXE REB/VELADA

Dir. Andrea Vázquez (España, 2015) 65 min.

En febreiro de 2008, a familia de Carmen e Toño recibe un correo electrónico moi sorprendente: logo de 40 anos de silencio, volven saber dun familiar afastado. Unha viaxe documental sobre a figura de Baldomero Pestana, fotografo lucense que retratou a Vargas Llosa, García Marquez ou Pablo Neruda entre outros.

Sábado 23. MAR DE TERRA

Dir. J.A. BIanco (España, 2018) 60 min.

Unha visión persoal e diferente dunha tradición, a do Entroido, que viaxa ao fondo das emocións. Acompañados do músico vasco Kepa Junkera e do seu acordeón, percorreremos os entroidos de Laza, Xinzo, Verín, Manzaneda, Santiago de Arriba (Chantada) ou Viana do Bolo.

Sábado 30. GLITTERING MISFITS

Dir. Iban del Campo (España, 2019) 74 min.

Unha viaxe a Nova York permítelle a Iban del Campo conecer a Dirty Martini e a Tigger!, estrelas do underground. A través da súa intimidade cotiá descubriremos os segredos dos night-clubs do chamado "Off- Off-Broadway", e entenderemos por que seguen a ser os referentes do cabaret, 20 anos despois do seu apoxeo.

Lugar de celebración

Museo Etnolóxico de Ribadavia (Ribadavia)