Museos de Galicia

Do 11 de xullo ao 14 de xullo do 2017 - 10:00h Do autorretrato ao selfie

Obradoiros infantís de verán para divertirse e aprender en contacto coas artes

Museo de Belas Artes da Coruña

Viaxe a través dos retratos nos obradoiros de verán do Museo de Belas Artes / Autorretrato de Jenaro Carrero, acuarela sobre

Este mes de xullo o Museo ofrece como cada ano unha forma diferente  de divertirse e aprender en contacto coas artes e experimentar diversas experiencias no Museo.

Nesta ocasión a través das obras que forman parte da colección e outras destacadas da Historia da Arte, farase un percorrido polos tipos de retrato, vendo como foi cambiando ao longo do tempo.

Durante catro mañás en cada quenda, os rapaces verán a evolución desde os retratos monárquicos barrocos da colección ata as propostas máis contemporáneas e vangardistas, reflexionando sobre conceptos coma a aparencia, a identidade e o corpo. En sesións sempre prácticas e lúdicas, traballarase o autorretrato e o xeito en que as persoas se mostran fronte aos outros; como se ven a si mesmas e como as ven os demais.

Despois, os participantes traballarán con numerosos medios (fotografía, pintura, escenografía, “obxectos atopados”...) nunha semana chea de diversión e auto coñecemento.

Idade dos participantes: 7-12 anos (ambos os dous inclusive)

O obradoiro desenvolveranse de martes a venres, nas seguintes quendas: semana do 4  ao 7 de xullo / semana do 11 ao 14 de xullo / semana do 18 ao 21 de xullo / semana do 26 ao 28 de xullo. O horario será de 10:00 h a 13:30 h., agás a semana do 26 de xullo, que por mor do festivo será de 10:00 h a 14:00 h.

A matrícula é de 25,00 € (fillos de Amigos do Museo: 20,00 €), e as inscricións realizaranse no teléfono  881 881 700 (de luns a venres, de 9 a 15 horas), na páxina web do Museo ou en  mu.belas.artes.difusion@xunta.es

Información adicional para os participantes:

- Levar merenda para tomar no descanso que se realizarán todos os días que duran as actividades (media hora de descanso).

- Notificar ás educadoras se os cativos teñen algunha necesidade especial, ou algún tipo de alerxia a pinturas, tecidos e material escolar.           

- Recoméndase levar mandilón ou roupa vella para non se manchar.

- Presentar ao longo das sesións que dura a actividade unha autorización para o uso das imaxes dos rapaces e rapazas, tanto para os propios proxectos que se desenvolverán durante os obradoiros como para o seu posible uso en redes sociais.

Lugar de celebración

Museo de Belas Artes (A Coruña)

Galería

  • Viaxe a través dos retratos nos obradoiros de verán do Museo de Belas Artes / Autorretrato de Jenaro Carrero, acuarela sobre papel, 1900.

    Viaxe a través dos retratos nos obradoiros de verán do Museo de Belas Artes / Autorretrato de Jenaro Carrero, acuarela sobre papel, 1900.