Do 9 de novembro ao 10 de novembro do 2018 - 18:00h Arte na aula

Curso de educación artística

Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC)

Este ciclo de cursos prácticos para docentes presenta a arte contemporánea como ferramenta de aprendizaxe na aula.

O programa está estruturado arredor de tres eixes de gran presenza na educación formal (as matemáticas, a narración e o coñecemento do contorno natural) e deseñado para explorar os límites entre áreas de coñecemento e convidar os educadores a experimentar e aprender antes de levar as súas propostas á aula.

A través dunha metodoloxía dinámica e de participación alternaranse visitas ás salas do CGAC e a súa contorna, proxeccións de imaxes, sesións de observación, reflexión e debate, talleres de creación e elaboración de propostas didácticas.

Cada bloque exponse de forma independente pero dentro dunha estrutura e obxectivos comúns. Os participantes poden cursar un ou todos os bloques en función de se o seu interese é puntual e temático ou pretenden unha experiencia de maior significación.

Os cursos impartiranse nas datas indicadas en horario venres de 18:00 a 20:00 horas e sábado, de 10:00 a 14:00 horas.


Programa

9-10 de marzo: Matemáticas con arte

Este curso analiza a arte como ferramenta para traballar as matemáticas de acordo cunha idea globalizada da educación, onde os límites entre o museo e a aula, entre a plástica e as matemáticas, se esvaecen.

As obras de arte, o propio corpo e o edificio do CGAC serán o punto de partida para experimentar cos números, a medida, a xeometría e as cuestións espaciais. Traballarase coas obras de arte como base para aprender conceptos matemáticos e coas matemáticas como ferramenta para construír imaxes.

 

1-2 de xuño: Imaxes que contan historias

A lectura de imaxes —a través da análise dos escenarios, a expresión facial e corporal, o vestiario ou o recoñecemento de símbolos e atributos— permiten asomarse ao fascinante mundo da palabra e a imaxe.

Neste taller abordarase a narración visual, oral e textual como un poderoso instrumento, tanto para a creación e goce artístico, como para o proceso educativo.

 

9-10 de novembro: Arte e ecoloxía

A relación entre a arte e a natureza foi constante na historia da arte, pero serán os artistas actuais os que se interesen polas relacións do ser humano e o territorio, os que conviden á reflexión sobre as agresións á contorna e propoñan outros modelos de acción.

O curso explora procesos e técnicas para aprender a observar, rexistrar, planificar, intervir, transformar, vivir, conservar e poñer en valor a contorna a través da arte.

Lugar de celebración

Centro Galego de Arte Contemporánea (Santiago de Compostela)