Museos de Galicia

Do 1 de xullo ao 30 de xullo do 2017 - 10:00h Actividades para o verán no Museo Liste de Vigo

Diferentes propostas dirixidas a nenos e nenas para divertirse no Museo durante o mes de xullo

O Museo Liste programa actividades especiais dirixidas a grupos de nenos e nenas que a través de campamentos urbanos, ludotecas, academias ou grupos particulares previamente establecidos, desexen visitar o Museo. As actividades ofertadas este ano son as seguintes:

PROPOSTA 1: ARTELLANDO A HISTORIA

Contido: Nenos e nenas serán os protagonistas do conto deseñado especialmente para o Museo “Os trasnos xogantíns”. Experimentos con obxectos, historias e maxia compoñen a actividade coa que aprender do noso pasado, a través dunha divertida aventura que convertirá aos asistentes en expertos museólogos.

Obxectivos: coñecer o Museo de xeito lúdico. O xogo actúa de vehículo cara a comprensión dos contidos expostos fomentando a motivación e implicación activa no coñecemento.

Soporte didáctico: materiais didácticos e monitor-guía. Duración: 60 m. (duración aproximada). Durante todo o mes de xullo de 2017, para grupos de nenos e nenas de 3 a 12 anos previa solicitude. Prezo: 1 euro por participante.

PROPOSTA 2: O GABINETE DE CURIOSIDADES DO LISTE

Contido: Entre o real e o imaxinario, unha morea de obxectos singulares permitirán coñecer como eran os antigos “gabinetes de curiosidades”, xermolo dos actuais Museos.

Obxectivos: coñecer a orixe dos actuais museos poñendo en xogo a imaxinación dos participantes. Ao través dunha historia novelada, explicarase que era o gabinete de curiosidades de Graciano Snape, precursor do Museo Liste. Despois, por medio de pistas, terán que atopar as caixas cos obxectos do antigo gabinete. Unha vez atopadas, procederase á apertura das caixas e ao relato teatralizado da historia de cada unha das pezas.

Soporte didáctico: materiais didácticos e monitor-guía. Duración: 60 m. (duración aproximada). Durante todo o mes de xullo de 2017, para grupos de nenos e nenas de 3 a 12 anos previa solicitude. Prezo: 1 euro por participante.

PROPOSTA 3: LISTE´S SCAPE ROOM

Contido: Pechados dentro do Museo Etnográfico da cidade, rodeados dunha morea de pezas atesouradas durante anos polo coleccionista e etnógrafo Olimpio Liste, os visitantes deben ser quen de vencer a maldade do anticuario Paio Cachafeiro quen argallou un plan para quedar coa valiosa colección que alberga o Museo.

Obxectivos: Superar probas de todo tipo co obxecto de acadar a fuxida do Museo e salvar a colección, a través de desafíos, enigmas e adiviñas, misterios a resolver para poder saír do Museo. Intelixencia, destreza e astucia son as habilidades necesarias para superar con éxito esta proba.

Soporte didáctico: materiais didácticos e monitor-guía. Duración: 60 m. (duración aproximada). Durante todo o mes de xullo de 2017, para grupos de nenos e nenas de 3 a 12 anos previa solicitude. Prezo: 1 euro por participante

PROPOSTA 4: XOGANDO EN FAMILIA

Contido: Percorrido autónomo polo Museo para familias a través dunha serie de propostas que probarán as súas capacidades dedutivas e coñecementos.

Obxectivos: potenciar a visita en familia e o coñecemento das coleccións expostas no Museo. As familias, guiadas polos caderniños dispoñibles en recepción, visitarán dun xeito diferente o Museo. Soporte didáctico: caderniños- guía. Duración: 60 m. (duración aproximada). Todos os sábados do mes de xullo de 2017. Dirixido a: familias sen necesidade de solicitar cita previa. Prezo: aplicarase o prezo de entrada ao Museo.

Para máis información:

Tfno. 986 244 698; Rúa Pastora, nº 22, Vigo

recepcion@museoliste.org

visitas@museoliste.org

www.museoliste.org

Lugar de celebración

Museo Liste Vigo (Vigo)

Galería

  • Actividades de verán para os máis pequenos no Museo Liste de Vigo

    Actividades de verán para os máis pequenos no Museo Liste de Vigo

  • Actividades de verán para os máis pequenos no Museo Liste de Vigo

    Actividades de verán para os máis pequenos no Museo Liste de Vigo

  • Actividades de verán para os máis pequenos no Museo Liste de Vigo

    Actividades de verán para os máis pequenos no Museo Liste de Vigo