7 de xaneiro do 2014 Xesús Vázquez Abad visita as obras de acondicionamento da Casa Museo Rosalía de Castro

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe a Casa Museo Rosalía de Castro, en Padrón, para comprobar o resultado das obras de acondicionamento. A Consellería, co cofinanciamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013, investiu un total de 200.000 euros para a rehabilitación da casa onde viviu Rosalía de Castro os derradeiros anos da súa vida.

Vázquez Abad afirmou que “o obxectivo desta intervención é impulsar o magnifico labor da Fundación Rosalía de Castro, posto que agora, tras a súa rehabilitación e acondicionamento, este centro museítico conta coas mellores condicións para continuar desenvolvendo actividades encamiñadas á ampliación do coñecemento e a difusión do legado de Rosalía de Castro”

As obras de rehabilitación da Casa da Matanza incluíron a eliminación de humidades, a instalación dun novo sistema de electricidade e iluminación, o acondicionamento da carpintaría exterior, a montaxe dun falso teito e a instalación dun sistema de seguridade e contraincendios.

O conselleiro animou a todas as galegas e galegos a achegarse este museo “para coñecer de primeira man a vida e obra da nosa poetisa máis famosa, recordada e honrada”. Vázquez Abad estivo acompañado polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e polo presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira.

Casa da Matanza
En 1947 créase o padroado da Fundación Rosalía de Castro para recuperar a Casa da Matanza e convertela, en 1971, nun museo dedicado á memoria da escritora galega. A casa, onde residiu Rosalía ata a súa morte, conserva practicamente inalterada a súa estrutura orixinal que consta de dous andares.

Na planta baixa, denominada “O perfil dunha sombra”, o visitante pode apreciar a verdadeira dimensión desta emblemática figura da cultura galega e universal: a súa vida, o contorno que a rodeou e a relación do pobo galego coa figura da escritora. Na primeira planta, denominada “O seu”, proponse unha recreación da casa rural da época, entre labrega e fidalga. A casa está rodeada, ademais, por un espazo verde que recrea un xardín da época.