Skip to main content

Xesús Vázquez Abad subliña a importancia histórica das Xornadas Abrente como “espazo de diálogo para a nosa dramaturxia”

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, inaugurou hoxe as ‘Xornadas Abrente. 1973-2013’, onde salientou a importancia da mostra para crear “un espazo de diálogo para a nosa dramaturxia e aparecer como confluencia construtiva das diferentes formas de entender a escena”. Neste acto, ao que asistiu tamén o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o conselleiro lembrou que “máis aló do valiosísimo pulo para o teatro galego, dexergamos o que trae para a nosa expresión cultural, para consolidar o galego como idioma de prestixio en todos os eidos da vida”.

O encontro, que se celebra este venres e sábado en Ribadavia, ten como obxectivo conmemorar o 40 aniversario da celebración da I Mostra Abrente, evento fundamental para a consolidación do novo teatro galego e na nosa lingua propia. A Consellería de Cultura e Educación destinou máis de 26.000 euros para a organización destas xornadas. Asemade, tamén participaron na organización o concello de Ribadavia, a Real Academia Galega, a Deputación de Ourense, a propia Asociación Cultural Abrente e o Museo Etnolóxico de Ribadavia. Con estas accións ponse en valor o papel clave da Mostra Abrente e da xeración de dramaturgos a ela vencellada na conformación da escena teatral galega actual, así como na consolidación de citas como a MIT de Ribadavia.

O Centro Comarcal do Ribeiro e a Casa da Cultura de Ribadavia foron os escenarios escollidos para acoller as mesas redondas destas xornadas, que contan coa participación de destacados estudosos e persoeiros do mundo da cultura, como o director do centros Dramático Galego, Manuel Guede; Xosé Luis Chao, Manuel Lourenzo –participante naquelas mostras hai 40 anos–, Candido Pazó, Camilo Fernández Valdehorras, Júlio Cardoso, Maribel Outeiriño ou Luís Álvarez Pousa. Así mesmo representarase a obra teatral ‘BailadELAS’, de Roberto Vidal Bolaño, autor ao que se lle dedica este ano o Día das Letras e que foi gañador en 1980 do premio da derradeira Mostra Abrente; e descubrirase unha placa conmemorativa na casa de Xesús Sánchez Orriols, un dos impulsores da Asociación Cultural Abrente e da Mostra.

Publicacións
Ademais da celebración destas xornadas, a Mostra Abrente lembrarase tamén a través da publicación dun volume que recolle os textos premiados entre 1973 e 1980. Trátase de obras que están sen publicar ou son edicións difíciles de conseguir hoxe en día, e entre as que se encontran textos como ‘Bailadela da morte ditosa’, de Vidal Bolaño. Tamén neste marco publicarase ‘Ricard Salvat e o teatro galego’, que analiza a relación dun dos grandes impulsores do teatro catalán coa dramaturxia galega, desenvolvida tamén desde a propia Mostra Abrente, en prol da que tamén traballou.

Así mesmo estrearase ‘Abrente, unha clave para o teatro galego’, documental de Antonio Simón sobre a historia da mostra e a súa vinculación coa creación do teatro público e privado na nosa terra.