Skip to main content

Unhas 8.000 persoas visitaron as dúas exposicións organizadas polo Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense na Sala de exposicións Afundación

Imaxe da exposición "A procura do pasado. Orixe e desenvolvemento da arqueoloxía en Ourense"

O domingo 19 de febreiro remataron as dúas exposicións que o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense organizou na Sala de exposicións Afundación en Ourense.

Baixo a coordinación de Xulio Rodríguez González, director do Museo e Avelino Rodríguez González, a exposición "A procura do pasado. Orixe e desenvolvemento da arqueoloxía en Ourense" reflicte como o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense e a súa historia como institución están intimamente ligados á investigación arqueolóxica desenvolvida ao longo dos anos na provincia de Ourense. Responsables desta simbiose, entre outros, foron os membros da Comisión Provincial de Monumentos de Ourense que, co seu traballo e dedicación, conseguiron crear o museo ao tempo que impulsaron a actividade arqueolóxica na provincia desde finais do século XIX ata os anos 70 do século XX. Destacan as figuras da talla de Marcelo Macías, Arturo Vázquez Nuñez, Manuel Díez Sanjurjo, Florentino López Cuevillas, Xaquín Lorenzo Fernández, Xesús Ferro Couselo, Xesús Taboada Chivite, Conde Valvis, Rubén García Álvarez, Manuel Chamoso Lamas ou Laureano Prieto, entre outros. Amósanse fotografías destes persoeiros e pezas arqueolóxicas directamente relacionadas coa súa actividade como o Guerreiro de Armeá, o Sedente de Xinzo, as xoias de Regodeigón, a Tabula de Castromao ou o Mosaico da Cigarrosa.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad, foron os encargados de inaugurar esta mostra que ata o día da súa clausura foi visitada por un total de 4.549 persoas. A exposición se completaba con visitas guiadas e obradoiros; a estas actividades paralelas asistiron 996 persoas.

Esta exposición trasladouse para ser amosada no Museo das Peregrinacións e de Santiago.
 
A outra exposición, "Documento estético. Fotografía de Ourense do Marqués de Santa María del Villar", fai un percorrido por algunhas das paisaxes culturais da provincia a través da mirada de Diego Quiroga Losada, Marqués de Santa María del Villar (1880 – 1976), fotógrafo de orixinal personalidade, cunha profunda preocupación pola protección e defensa do patrimonio cultural. Foi visitada por 3.431 persoas.