Skip to main content

Unha revisión da obra de Sucasas

Unha revisión da obra de Sucasas

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, inaugurou o 1 de decembro unha exposición no Museo de Belas Artes da Coruña que repasa a traxectoria do pintor lalinense cunha nova mirada sobre as interpretacións dadas á súa obra.

Sucasas é o creador dunha das imaxes de marca máis coñecidas, a concha da vieira de Galicia Calidade, "símbolo e esencia do Camiño milenario de Santiago” como indicou o titular de Cultura, quen destacou tamén que a súa obra converteuno nun dos mellores intérpretes artísticos da realidade galega.

A exposición fai unha revisión da arte de Sucasas, a través de sesenta e catro debuxos e pinturas datados entre 1957 e 2010 nos que destacan varias pezas cedidas por particulares e non exhibidas ata agora. Tamén fragmentos de entrevistas, cartas cedidas pola súa viúva, María Espinosa, e anotacións do propio artista foron empregados para analizar as inquedanzas do lalinense, e para afondar nos seus temas recorrentes dende as súas primeiras pinturas ata as últimas: os mitos, a condición humana, a relixión, as festas populares ou as escenas cotiás.

Unha oportunidade para achegarse ao arte de Sucasas. Como explica o comisario da mostra, Miguel Fernández-Cid, “En Galicia, hai pintores de cuxa obra se ten unha imaxe moi clara. O caso de Sucasas é un exemplo paradigmático. Todos cren saber quen é, pero a exposición pretende valorar o pintor que hai detrás das imaxes".